O secuestro de 'Fariña' chega ao Parlamento e o BNG lembra "o paseo en iate" de Feijóo co narco Marcial Dorado

"Vendo o que está a pasar, creo que hai paseos en iate pola ría de Arousa que non están suficientemente explicados", espetou Ana Pontón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A noticia de que o libro 'Fariña', do xornalista Nacho Carretero sobre o narcotráfico galego, pode ser secuestrado en cuestión de días se o ex-alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar abona unha caución de 10.000 euros, foi introducida na mañá deste mércores na sesión de control da Cámara galega por parte da portavoz do BNG, Ana Pontón.

Feijóo durante a sesión de control ao Goberno este mércores no pleno
Feijóo durante a sesión de control ao Goberno este mércores no pleno | Fonte: Europa Press

A dirixente nacionalista aproveitou esta cuestión para lembrar "o paseo en iate" de mediados da década de 1990 do agora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado, revelado en 2013.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 7 de Collado Villalba, nun auto datado a 12 de febreiro asinado pola maxistrada Alejandra Fontana, estima parcialmente a solicitude de medidas cautelares realizada polo exalcalde do Grove, que fala de "contido calumnioso" do libro editado por Libros del KO no que se refire á súa persoa. No libro faise unha recompilación da historia do narcotráfico en Galicia.

Así, Ana Pontón iniciou a sesión advertindo de que "non podía evitar denunciar a deriva antidemocrática" actual. "O mesmo día en que coñecemos a condena de tres anos a un cantante de rap por criticar á Familia Real, secuéstrase un libro porque fala dos vínculos do narcotráfico co Partido Popular", espetou.

"NON ESTÁ SUFICIENTEMENTE EXPLICADO"

A dirixente nacionalista considerou que "é moi alargada a sombra do PP". "E vendo o que está a pasar, creo que hai paseos en iate pola ría de Arousa que non están suficientemente explicados", espetou.

Cando se desvelaron as fotografías en 2013, o presidente da Xunta, que na década de 1990 exercía un cargo na Consellería de Sanidade, chegou a comparecer en abril no Parlamento de Galicia nunha intervención na que recoñeceu que a súa amizade con Dorado fora un "erro", pero na que defendeu que en 1997 se distanciou "até cortar" a relación con el e que en todo caso limitouse sempre a momentos de lecer.

Na sesión deste mércores, Feijóo non se referiu ás acusacións de Ana Pontón de forma explícita. O único que comentou ao comezo da súa resposta (aínda que non o vinculou ás primeiras palabras da portavoz do Bloque e logo fiou coas críticas da deputada ás súas políticas de igualdade), foi que "a ausencia de argumentos sempre se tenta ocultar cun conxunto de insultos a quen representa a maioría de Galicia".

Feijóo, que despois do episodio das fotografías volveu gañar as eleccións con maioría absoluta en 2016, tamén dixo na súa intervención que "calquera tipo de acusación" que viñese da deputada nacionalista non lle "sorprendía" e contestou con estas palabras aos reproches de Pontón sobre o "argumentario machista e carca" que, dixo, sostén o PP en temas de igualdade entre mulleres e homes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anti..

A Frank Sinatra lle medraba o naris e lle puxeron placas de platino pola sua alerxia a fariña de trigo e ao pinocho por dicir e ser un mintireiro.