Versos de Rosalía nos pasos de peóns

A iniciativa preséntase baixo o nome Paseando con Rosalía e serán visibles en Bertamiráns e no Milladoiro, no Concello de Ames. A homenaxe está incluida nos diferentes actos que se celebrarán no día do nacemento da poeta galega.

Por Moncho Mariño | Ames | 22/02/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Concello de Ames volve homenaxear a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento coa realización dunha serie de actividades para promover a difusión da obra e do pensamento rosaliano entre a veciñanza. Baixo o nome “Ames con Rosalía”, a programación inclúe diferentes iniciativas como o “Café con verso” ou os “Escaparates de Rosalía”.

Versos de Rosalía nos pasos de peóns
Versos de Rosalía nos pasos de peóns

Outro dos puntos do programa é “Paseando con Rosalía”, que busca levar algúns dos versos máis coñecidos da autora ás rúas, nomeadamente aos pasos de peóns. Versos como Canta, se queres, na lingua que eu falo ou Unha vez tiven un cravo cravado no corazón xa poden ser lidos polas veciñas e veciños do concello antes de atravesaren as rúas.

Esta programación baixo o nome Ames con Rosalía, ten como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano, ademais de por en valor a lingua galega e resaltar a vixencia e a actualidade da autora. Así mesmo, tamén  se quere destacar o vínculo entre o Concello de Ames e Rosalía. Desde o pasado 6 de febreiro o balcón lateral da Casa do Concello acolle unha lona conmemorativa co verso No sembrante a alegría, no corazón o esforzo.

E para darlle un carácter máis aberto a esta homenaxe, algúns dos pasos de peóns do Milladoiro e Bertamiráns locen varios dos versos máis coñecidos da autora. En Bertamiráns, estes pasos de peóns atópanse nas rúas Travesía de Xosé Luis Azcárraga, do Ameneiral, de Entrerríos, da Peregrina e de Chavián. No Milladoiro, os versos de Rosalía pódense ver nalgúns dos pasos de peóns das rúas Travesía do Porto, da Raxoeira, do Rego, do Agro do Medio, de Abaixo e das Camelias. Esta iniciativa nome Paseando con Rosalía, inclúe versos como Canta, se queres, na lingua que eu falo; Negra sombra que me asombras; ou Airiños, airiños, aires, airiños da miña terra.

ESCAPARATES E CAFÉ CON VERSO

O legado rosaliano tamén estará presente nos escaparates dos establecementos do concello grazas á iniciativa Escaparates de Rosalía, cuxa selección de textos correu a cargo de Dolores Vilavedra Fernández, estudosa da obra rosaliana e veciña de Ames. Tamén os centros de ensino do concello están a levar a diante iniciativas que buscan socializar a figura de de Castro entre a veciñanza. Por exemplo, a iniciativa Rosalía tamén vive aquí, que parte do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola de Educación Infantil do Milladoiro, pretende levar a imaxe e os versos da autora ata os portais de todas as nenas e nenos do concello.

Versos de Rosalía nos pasos de peóns
Versos de Rosalía nos pasos de peóns

Ademais, a partir deste venres 23 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. O poeta amesán Carlos Negro foi o encargado de seleccionar os textos que conforman esta iniciativa de nome Café con Verso. Esta acción que se desenvolve colaborativamente entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, acada este ano a súa segunda edición. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.

HOMENAXE MUSICAL

O sábado 24 de febreiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partir das 19:00 horas, unha homenaxe poética musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical do Sonia Lebedynski Trío. O acto será gratuíto e de libre acceso ata completar aforo.  Nesta iniciativa participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.

Versos de Rosalía nos pasos de peóns
Versos de Rosalía nos pasos de peóns
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pois sinto dicir que é ilegal. Non o sería se os versos estiveran na beirarúa, pero que non haxa un accidente...