Director de produción de 'Fariña': "Oxalá Atresmedia diga que estrea a serie agora mesmo, porque sería o momento"

Pepe Ripoll "non entende" a medida da Xustiza de secuestrar o libro, aínda que cre que á serie "vénlle moi ben que se fale"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2018 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O director de produción da serie 'Fariña', Pepe Ripoll, considera que "sería o momento" de que Atresmedia estree a adaptación á televisión do libro do xornalista coruñés Nacho Carretero. "Oxalá digan que a estrean agora mesmo", desexou. Así o expresou logo de que un xulgado decretou o secuestro do lobro como medida cautelar ante a demanda presentada polo ex-alcalde do Grove (Pontevedra), José Alfredo Bea Gondar, por suposta vulneración do seu dereito á honra.

O director de produción de 'Fariña', Pepe Ripoll nun curso en Santiago
O director de produción de 'Fariña', Pepe Ripoll nun curso en Santiago | Fonte: Europa Press

Neste sentido, Ripoll "non entende" a medida. Aínda que ve que é "unha pena" a retención da publicación, tamén considera que "vén moi ben que se fale" trala xa mencionada demanda e a detención do narcotraficante Sito Miñanco -personaxe principal da serie- o pasado 5 de febreiro en Alxeciras (Cádiz).

"Oxalá Atresmedia diga que a estrea agora mesmo, porque mellor que a publicidade que nos están facendo é imposible... Non hai promoción mellor que esta", celebrou. Con todo, tamén precisou que a cadea, que aínda non anunciou unha data para a estrea de 'Fariña', emitira a serie "cando eles consideren que é o momento".

E é que tamén o propio libro de Nacho Carretero foi beneficiado, en termos económicos, pola polémica da demanda, posto que se esgotou nas librarías galegas, á espera de recibir máis exemplares ao longo destes días.

UNHA MEDIDA "ESAXERADA"

A medida da Xustiza "non lle parece ben" a Ripoll, que puntualizou que, aínda que "non ten nada que ver" no asunto, veo "esaxerado". E é que no libro, segundo a defensa de Bea Gondar, inclúe "dúas mencións explícitas" ao seu cliente, ao que se refiren como "narcotraficante" a pesar de ser "absolto do delito de narcotráfico polo Supremo" porque as probas foron obtidas de forma ilícita.

"Se o fixeches e non che condenaron por un erro pois mellor deixalo estar, porque agora se está falando moito máis disto que o que se falou", esgrimiu Ripoll respecto diso.

Con todo, segundo asegurou o director de produción de 'Fariña', Bea Gondar "nin aparece nin está nomeado" na adaptación, polo que descartou que a xuíza estenda o secuestro á serie. "Se é así, imaxino que (Atresmedia) terá que acatar a decisión do xuíz e non poderemos facer outra cousa, pero é imposible, sería unha censura. Emítese e logo, se hai algo que che danou, demandas", declarou.

"UN 'NARCOS' MOI LOCAL"

En todo caso, Ripoll puntualizou que "só é un traballador da serie" que "non ten que ver coa produtora nin a cadea" e que se atopaba en Santiago para asistir a unha clase impartida este xoves a alumnos do curso da produtora galega CTV sobre xestión de programas de ficción.

Neste sentido, aínda que admitiu que "non viu" a serie, si vaticinou que será un produto "moi bo". "É un tema moi local de Galicia, pero vai chamar a atención ao resto de España porque é o que está na fala da xente", declarou.

"É un 'Narcos' moi local, con xente moi local, non son esas figuras que teñen un caserón nin xente que os defende", asegurou á vez que valorou que o 95 por cento dos máis de 120 actores serán galegos. "Porque é unha historia galega e ten que ser real", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xosé

Por favor, melhorai a qualidade linguística dos vossos artigos, constantemente tendes erros de colocaçom de pronomes e decalques léxicos do castelhano (cousas que se aprendem em quarto da ESO): “ Aínda que cre que “á serie venlle ben que se fale” contém dúas gralhas: “que á serie venlle ben” sería “ que á serie lle vén ben” porque é umha subordinada; e “vir ben” é um decalque do espanhol “venir bien”. Em galego diríase: “sería bo para a serie que se falase dela” ou mesmo “cre que á serie lle faría ben que...” Um jornalismo de qualidade require umha língua de qualidade. Olhai para o modelo do Sermos Galiza, que som um modelo de qualidade e preocupaçom pola língua. Obrigado