O BNG reivindica á Rosalía "feminista" e da Galicia "dona do seu futuro" fronte á "involución democrática"

Insta a participar na folga de mulleres e denuncia a "política de acoso" contra a lingua galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 15:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG reivindicou á Rosalía "rebelde, vangardista" e "cargada de modernidade e incomodidade" fronte á imaxe "manipulada e deturpada" difundida polo "oficialismo", unha icona "feminista" e dunha Galicia "dona do seu futuro" que contrapuxo ao estado "de involución democrática" que vive a sociedade actual.

Acto do BNG en homenaxe a Rosalía
Acto do BNG en homenaxe a Rosalía | Fonte: Europa Press

En vésperas da conmemoración do nacemento da poetisa, a formación protagonizou un acto de homenaxe aos pés do monumento a Rosalía na Alameda de Santiago de Compostela, onde a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e as deputadas Noa Presas e Olalla Rodil, depositaron un ramo de flores en recordo á figura crave da literatura galega.

En declaracións aos medios, Pontón reivindicou a Rosalía como unha figura "adiantada ao seu tempo" e "que cobra moita máis forza ás portas do 8 de marzo", día da convocatoria de folga de mulleres. Así, realizou un chamamento á participación nesta xornada reivindicativa e criticou que o PP "estea máis preocupado de ir en contra" da protesta que en "loitar contra a desigualdade".

Tamén considerou "o momento oportuno" de facer unha reflexión sobre a situación da lingua galega, reprochando ao goberno da Xunta o seu "cinismo oceánico" ao defender "a vitalidade do bilingüismo cordial" no que "non hai ningún problema".

"É a única que está a perder falantes en toda a Península", aclarou Pontón, que atribuíu a un proceso "inducido politicamente" no que o PP se encargou de "atacar á lingua" a través do "decreto da vergoña, que acelera a perda de transmisión" do galego, con nenos "que entran" na escola falando este idioma e que "saen falando castelán".

"ACABAR COA EXCLUSIÓN" DO IDIOMA

Por iso, quixo poñer "o foco" na necesidade de "unha nova política lingüística" que "realmente apoie" o impulso ao idioma, que "acabe coa exclusión nas aulas" e que os pequenos teñan, a través dos medios, de "debuxos animados modernos" dobrados ao galego.

Pontón insistiu en que a lexislación establece que "ningunha persona pode ser discriminada" por razón de lingua e que os poderes públicos "teñen a obrigación" de promover o galego e garantir que ninguén salga do sistema educativo "sen dominio" do idioma.

En definitiva, Pontón reivindicou á Rosalía "feminista", "comprometida coa Galicia dona do seu destino" e "rebelde", e os valores de "xustiza social" e "defensa da igualdade" que "empapan toda a súa obra".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta