Ética, responsabilidade, coherencia e transparencia nas ONG

Os recentes conflitos laborais en Amarante Setem e ACPP (Asociación de Cooperación pola Paz) poñen en dúbida a credibilidade destas organizacións non gobernamentais. Ámbalas dúas asociacións teñen agora que render contas perante o Terceiro Sector e a cidadanía.

Por Alberto Quian | Madrid | 29/01/2011

Comparte esta noticia

Falar das malas prácticas das ONG sempre é un exercicio de alto risco, por tratarse de organizacións especialmente sensibles á opinión pública e, por paradoxal que pareza, por ser este un sector onde os erros adoitan ser disimulados perigosamente con silencios. É precisamente polo seu medo visceral ao xuízo popular polo que os silencios, as indulxencias ou os encubrimentos se alían en ocasións con quen cometen excesos, evitando que transcendan. De feito, quen denuncia algunha mala práctica nunha ONG arríscase a ser estigmatizado na propia organización e polo propio sector, precisamente pola hipersensibilidade destas organizacións ao xuízo público. É por iso que do mesmo xeito que non verás a un xornal informar dos seus conflitos laborais –o cal sería un exercicio xornalístico soberbio e admirable, e unha mostra de transparencia cara aos seus lectores–, dificilmente verás a unha ONG expoñer e encarar con transparencia os seus conflitos particulares, que os teñen, e moitos.

No caso das organizacións non gobernamentais, a transparencia é un imperativo: quen son, como se organizan, cales son as súas contas, onde, cando, como, por que e para quen desenvolven as súas actividades, ora que tamén os seus erros, os seus fracasos e os seus conflitos. Ese exercicio de transparencia está ligado aos outros alicerces sobre os que se deben edificar as ONG: ética, responsabilidade e coherencia. Só así se pode conseguir a credibilidade e a confianza que necesitan para subsistir na súa extremada dependencia das axudas de administracións, institucións e cidadáns.

Eses imperativos son os que traizoaron Amarante Setem e ACPP (Asociación de Cooperación por la Paz). Ámbalas dúas organizacións puxeron en perigo a súa credibilidade e arriscáronse a perder a confianza de administracións, de institucións, doutras organizacións e de cidadáns, precisamente por renegar deses principios que deben rexer en toda organización non gobernamental.

Ámbalas  dúas ONG xeraron nos últimos meses uns conflitos laborais que cuestionan a súa ética, a súa responsabilidade, a súa coherencia e a súa transparencia. Malas praxes que contradín os seus discursos e, polo tanto, desacreditan a estas organizacións, incoherentes cos valores e as propostas sociais que predican.

ACPP xa empeza a recoller o que sementou. Esta organización foi condenada en abril de 2010 polo Xulgado do Social número 2 de Madrid a devolver case 14.000 euros a dous traballadores, logo de que llos descontase da nómina e abonase un soldo distinto ao que figuraba nos seus documentos de pago. En novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) rexeitou case na súa totalidade o recurso de súplica presentado por esta ONG. E o 11 de xaneiro de 2011 fíxose pública unha resolución da Presidencia da Axencia Española de Cooperación Internacional –dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación–, pola que se ordena a publicación da revogación da adxudicación dos convenios 2010-2013 á entidade Asemblea de Cooperación pola Paz. AECID resolveu o seguinte:
-1.Revogar a Resolución de 5 de agosto de 2010 da Presidencia da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, pola que se conceden subvencións ás Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento para a realización de convenios, correspondentes ao período 2010-2013, á organización Asemblea de Cooperación pola Paz.
-2.Declarar extinguidos os preconvenios subscritos con data 13 de setembro de 2010.

Un durísimo golpe a unha das ONG que máis subvencións recibe en España. A Axencia Española de Cooperación Internacional retiroulle a acreditación como ONGD cualificada e os 24 millóns de euros que lle foron concedidos en subvencións.

No caso de Amarante Setem tamén nos atopamos ante outro conflito laboral. A ONG galega estivo no punto de mira das centrais sindicais CUT e CGT, que denunciaron a tinguidura empresarial das prácticas que desenvolve a directiva desta organización na súa xestión do persoal.

Logo do despedimento da única traballadora indefinida en setembro de 2010 e de anunciar a non renovación do contrato doutra compañeira en situación de baixa, a ONG reincidiu na súa negativa de abordar de forma colectiva a situación de conflitividade laboral que houbo no seo desta asociación, segundo denunciaron CUT e CGT.

Ámbolos dous sindicatos acusan á ONG de “abordar o conflito colectivo dende a lóxica da fractura entre as traballadoras e da negociación individual, reproducindo unha práctica amplamente estendida entre as empresas capitalistas”.

“Tampouco difire da lóxica empresarial vixente o abuso da contratación temporal que vén adoptando esta entidade. Sobre todo, cando esta contratación temporal foi realizada en fraude de lei, isto é, co obxecto de encubrir relacións laborais que na súa propia natureza serían indefinidas”, proseguían na súa denuncia os sindicatos.

CUT e CGT tamén acusaron a Amarante de agravios comparativos. “Para as mesmas horas e o mesmo traballo retribúese de forma distinta, ao tempo en que traballadoras que ostentan as mesmas responsabilidades no organigrama presentan categorías profesionais diferentes”.
As centrais sindicais observaron ademais o silenciamento da voz do conxunto das persoas traballadoras de Amarante Setem e o veto á súa participación na toma de decisións que repercuten directamente sobre o seu futuro profesional e vital.

Amarante e ACPP, solidarios por fóra, ruíns por dentro. Dúas ONG que subsisten coas incoherencias entre os seus discursos e as súas praxes, e que teñen que render contas publicamente polos danos e prexuízos que causan a todo o sector, extremadamente dependente da confianza das administracións, institucións e cidadáns, e onde as malas prácticas dunha ONG teñen un inevitable efecto viral que reparte danos a todo o sector e erosiona a solidariedade.
Sen dúbida, é inxusto que as malas prácticas dunhas poucas organizacións ou dalgúns dos seus membros danen a confianza no sector no seu conxunto. Ora que tamén é inxusto para o propio sector e é unha estafa á sociedade silenciar e encubrir o mínimo desmando que se produza en calquera ONG.
Individuos e organizacións vinculados ao Terceiro Sector teñen a obriga de actuar con afouteza para expoñer, denunciar, reparar ou asumir as responsabilidades das malas prácticas nas que se incorran. Se non, as baixezas duns poucos acaban irreversiblemente pasando factura a todos.

O Terceiro Sector ten que garantir que os altos estándares que esixe doutros sexan primeiramente respectados nas súas propias organizacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.