A inmobiliaria de Meirás di que "todos" os irmáns apoian a venda, aínda que o balbordo social pode "dificultala"

"Cando haxa unha oferta de compra en firme, tomaremos os pasos legais", asegura o axente inmobiliario

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

O xerente da inmobiliaria que puxo á venda o Pazo de Meirás, Antonio Avilés, asegurou que "todos" os irmáns fillos de Carmen Franco, que faleceu o pasado mes de decembro, están de acordo en desfacerse da vivenda situada no municipio coruñés de Sada. Dúas comisións impulsadas pola Deputación da Coruña e a Xunta buscan, pola súa banda, conseguir incorporar para o patrimonio público as coñecidas como Torres de Meirás.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás

En declaracións a Europa Press, o xerente de Mikeli Luxury Real, que é de orixe galega, recoñeceu que o balbordo social apoiado polo compromiso político pode "dificultar" a venda porque "hai xente que non quere problemas, á marxe de que, en xeral, "fácil vender non é nada".

Antonio Avilés explicou que a súa inmobiliaria se dedica "exclusivamente á venda deste tipo de inmobles", que poden ser "ou ben para alguén que os queira para uso persoal ou como hotel ou centro de restauración", e mostrou a súa "satisfacción" por poder encargarse deste pazo.

Precisamente sobre a cuestión de uso, o Concello de Sada avanzou a pasada semana, cando transcendeu a posible venda de Meirás, que o seu novo plan xeral de ordenación municipal limitaba o uso deste inmoble para unicamente fins de vivenda.

Preguntado por iso, o xerente de Mikeli manifestou que se atopou con casos como este en outras ocasións e ao final "negóciase co concello" a posibilidade de dotalo doutros usos. "Estas cousas fálanse despois", dixo.

"TEÑO MOITA SINTONÍA COS IRMÁNS"

O xerente da inmobiliaria, con sede en Santander (Cantabria), asegurou que ten "moita sintonía cos irmáns", especialmente con Carmen Martínez-Bordiú, e coa recentemente falecida filla de Franco, por iso é polo que buscasen a súa empresa, dixo, para a posta en venda do pazo.

Preguntado por se todos os irmáns están de acordo coa venda deste inmoble, afirmou que é así e que, aínda que non estea repartida aínda a herdanza de Carmen Franco, trátase de "adiantar traballo". "A decisión (de vendela) é firme", remarcou e agregou: "Todos están de acordo, ao 100 por cen, se non, eu non podo facer nada".

Doutra banda, e ao ser interpelado por se xa se informou á Xunta ou esperarán ata que haxa un comprador, dixo que "cando haxa unha oferta de compra, loxicamente, o departamento xurídico tomará os pasos legais". A Xunta ten dereito de tenteo se aparece un comprador xa que se trata dun ben de interese cultural (BIC), así que é obrigado ofrecer o inmoble á institución pública antes de vendelo a un comprador privado, pero só nese momento, segundo explicaron a Europa Press tanto o xerente desta inmobiliaria como outros profesionais vinculados a vendas de luxo.

En canto ao prezo de oito millóns de euros, asegurou que é "un prezo baixado" e que se el tivéseos, el mesmo compraría este emblemático pazo, que outrora foi propiedade da familia de Emilia Pardo Bazán. "Poderíase vender en máis, pero a realidade é que non queren tampouco nin prolongar moito. Queren esquecerse de Meirás e de Sada", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta