Preto de 2.000 persoas reclaman "igualdade" laboral e salarial para os traballadores da Xustiza

A manifestación foi convocada polos sindicatos representados no comité de folga dos funcionarios xudiciais. Este colectivo leva en paro indefinido desde o pasado 7 de febreiro. Reclámanlle á Xunta de Galicia equiparación salarial e laboral cos traballadores doutras comunidades e piden un trato "digno".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2018 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A manifestación iniciouse ás 12 da mañá na Alameda coa presenza  dos líderes de En Marea, Luís Villares; Partido Socialista, Gonzalo Caballero; BNG, Ana Pontón e Ciudadanos, Olga Louzao.

Manifestación dos traballadores de Xustiza
Manifestación dos traballadores de Xustiza | Fonte: Europa Press

Entre cánticos de 'Non á discriminación' e vestidos maioritariamente de negro como sinal de "loito" pola "morte" da xustiza galega, os participantes reclamaron "igualdade" pero tamén "dignidade", con maletas ficticias como protagonistas, en referencia á suposta invitación a "emigrar" que lles realizou o director xeral de Función Pública no marco das negociacións.

Nilo Fernández, representante do comité de folga, lamentou que se lles estea "pondo de vagos e maleantes" cando son "traballadores da xustiza galega". Fernández instou á Xunta de Galicia a sentar a negociar, avisando, como se escoitou tamén nas constantes proclamas da protesta, que están "preparados para chegar até o final", cumprindo un calendario de mobilizacións que está previsto até marzo.Tras denunciar que os están "discriminando" en materia laboral, sanitaria e económica, con respecto aos traballadores da xustiza doutras comunidades, esixiu "mesmo traballo, igual salario".

Entre as súas reivindicacións, Nilo Fernández citou a igualdade salarial, incidindo en que existe unha diferenza de até 500 euros no complemento autonómico transitorio con "compañeiros do País Vasco" e de 300 cos de Cantabria, que se lles desconta por "estar enfermos". Denunciou tamén que "na xustiza galega non se inviste un céntimo nin se consolidan prazas".

PETICIÓN DE DIMISIÓN DE RUEDA E FEIJÓO

Na praza da Quintana, na que concluíu a manifestación ao redor das 14,00 horas, os organizadores da protesta clamaron contra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, aos que pediron a súa dimisión, acusándoos de "mentireiros".

"Quen é vostede, Feijóo, para falar de xustiza social cando sobe o seu soldo un 7%?", manifestaron os portavoces da protesta, que denunciaron que, en cambio, o orzamento para Xustiza en Galicia conxelouse " entre 2010 e 2016". "A vostede non lle admitimos leccións de dignidade, empece por dicirlle a Rueda que non minta, porque engana, manipula e minte".

Despois de reclamar "transparencia", esixiron a mediación do Consello de Relacións Laborais e que se cumpra a proposta aprobada no Parlamento da Xunta de Galicia en contra da discriminación laboral destes traballadores. As frases "temos o dereito, temos a razón, ningún paso atrás, por dignidade", foron entoadas como peche a unha protesta na que se coreou un 'painoso' irónico que instaba a "seguir na loita".

"NÓS QUEREMOS NEGOCIAR PERO ELES MANIPULAN A INFORMACIÓN"

Neste sentido, a mobilización escenificou a vontade dos traballadores de xustiza de continuar coas protestas, no marco do paro indefinido iniciado o 7 de febreiro, e no contexto dun conflito que, de momento, se mantén enquistado, tras a ruptura das negociacións esta semana. Entre outras reivindicacións, os traballadores reclaman unha suba lineal de 225 euros ao mes a aplicar en tres anualidades desde 2018.

Precisamente, preguntado por un calendario de mobilizacións que está organizado até o 9 de marzo, Nilo Fernández asegurou que "a día de hoxe xa non enganan a ninguén". "Todo o mundo sabe que nós queremos negociar, pero son eles os que pretenden manipular a información e á opinión pública", aseverou, engadindo que os representantes dos traballadores "están dispostos a negociar, a sentar cando eles queiran".

APOIO DE EN MAREA, PSOE, BNG E CIUDADANOS

Detrás dunha das pancartas de cabeceira marcharon os representantes dos principais partidos da oposición. O líder de En Marea, Luís Villares, insistiu en que se trata dunha reivindicación "xusta" para que "a xustiza funcione mellor", puntualizando que se piden "máis medios para que a xustiza sexa máis áxil" ou para "que non lles rouben a metade do salario cando se poñen enfermos, porque a ninguén lle fan desconto na hipoteca ou no supermercado cando se poñen malos". Nesta liña, aseverou que "o único que ten interese en que a xustiza non fale é Feijóo, porque cada vez que a xustiza fala acurrálaos máis a eles".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou o "fracaso na xestión" da Xunta, cunha "xustiza en Galicia paralizada pola incompetencia e a falta de vontade política de Alfonso Rueda, que non é capaz de solucionalo". Ante esto, reclamou a Feijóo que se "poña a facer xestión política" e se esqueza de "outras prioridades de clave máis persoal ou do PP, que non solucionan os problemas dos galegos", nunha lexislatura na que asegurou que "se percibe a debilidade do goberno da Xunta" con "moitos focos de problema", como a sanidade ou a xustiza.

Desde as filas do BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou á Xunta que "deixe a soberbia e a chulería e se poña a traballar", achacando a folga a unha "evidente" "chulería e prepotencia" do goberno autonómico que están "enquistando" as reclamacións dos traballadores. "Ningunha persoa neste país fai folga por deporte, fan folga porque hai unha situación inxusta", engadiu, para apuntar a continuación que "se se acabou a crise téñense que acabar os recortes".

Tamén Olga Louzao, portavoz de Ciudadanos en Galicia, pediu que "as políticas do PP que gobernan a Xunta de Galicia se dediquen a outros labores, a outros obxectivos" e "a manter uns servizos públicos con traballadores con condicións óptimas laborais acordes ás súas funcións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Un calquera

Teño un pleito no social da Coruña para xaneiro de 2019 (casi nada) . A saber agora para cando

2 A verdade

2000 parásitos, sorte que os que traballamos para pagarlles somos máis...de momento.

1 anonimo

Joder, Rueda, qué pesado es!

2 VNAC

Valeiras ponte a traballar e deixa de ameazar a quen non quere a folga.

1 secuestradores de libros

fora fora fora a xustiza eXpañola, aquí están os resultados da pantomima da xustiza expañolenta, aquí están o que andan facendo, inxustiza desatada e país de crime impune, os narcos saen un dia si e outro tamen, incluso o presidente da untada da malicia ten amigotes entre os que moven a fariña, o dereito laboral nos leva xa a historias tipo kunta-kinte, o dereito familiar e machista e retrogrado, están intentado meter figura do canonico, meten a constitución como xustificación de todo tipo de "anormalidades" o RUEDA VALENCIANO o xefe dos xuices sigue sen demitir non foi quen de pillar a ningún da trama incendiaria, e para colmo o figura do xuiz mareante Villuelas da mais medo coa toga posta que dracula voando coa capa - GALIZA NON HA XUSTIZA!!!! NON HA LIBERDADE!!!!

1 Outro máis desenmascarado

Que non cola! Pensades que nos vades enganar por escribir “Galiza” e poñer catro topicazos? Un nacionalista nunca faría un comentario semellante porque sobre todo ten cultura e xamais escribiría dese xeito. Non coma vós, que só sabedes calumniar e insultar a intelixencia facendo honor á vosa militancia na formación política máis corrupta de Europa. Sodes tan burros que xa nin ledes as noticias, senón que só vos fixades nos titulares. No interior desta veñen as declaracións de Ana Pontón e non fai falta ser criminólogo para decatarse da verdadeira intención das vosas noxentas palabras. Por sorte, nos xulgados traballamos todos os días con delincuentes coma vós e captámosvos á primeira. Poñédevos a negociar, anda!