Galicia reivindica o legado literario e feminista de Rosalía no 181 aniversario do seu nacemento

Padrón e Santiago, os lugares máis ligados á poetisa, centran os actos do Día de Rosalía

| 24/02/2018 | Actualizada ás 18:23 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Toda Galicia lembrou este sábado á súa escritora máis universal, Rosalía de Castro, no día en que se cumpren 181 anos este 24 de febreiro. Ofrendas florais, recitais e 'caldos de gloria' por toda a xeografía galega honraron o legado literario, feminista e comprometido con Galicia da poetisa galega.

Retrato de Rosalía de Castro por Carlos Maside
Retrato de Rosalía de Castro por Carlos Maside | Fonte: Europa Press

Santiago de Compostela e Padrón (A Coruña), as localidades máis unidas á escritora, centraron os principais actos do Día de Rosalía. O paseo da Ferradura da Alameda da capital galega acolleu na mañá do sábado unha ofrenda floral coa que arrincou a xornada dedicada á poetisa.

Alí, unha comitiva integrada por diferentes personalidades e encabezada polo grupo folclórico 'Os Carapaus' detívose fronte ao monumento en honra á escritora, onde o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, depositaron unha coroa de loureiro aos pés da estatua da galega máis universal.

A continuación, os actos dirixíronse á capela do Hostal dos Reis Católicos, lugar onde Rosalía de Castro foi bautizada como "filla de pais incertos". O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, ou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foron algunhas das persoas que puxeron voz ás letras da poetisa nun acto no que mozos da Fundación Eduardo Pondal representaron un breve fragmento dunha obra teatral no que o poeta de Ponteceso conversa con Rosalía.

Unha vez concluído o acto institucional, repartiuse entre os asistentes un 'caldo de gloria' seguindo a receita que narra Rosalía no seu poema 'Miña casiña, meu lar' --'Follas Novas'--, no que enxalza "a épica dos humildes" a través dos pasos dunha muller pobre que volve a casa para celebrar aos pés da súa 'lareira' o simple feito de sobrevivir un día máis.

Un 'caldo de gloria' que este 24 de febreiro foi servido en 130 restaurantes de toda a xeografía galega, que se sumaron á iniciativa da Fundación Rosalía, que pretende que Galicia lembre a Rosalía a través da gastronomía popular e as leccións que ofrece a protagonista do poema: "sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades".

ACTOS EN PADRÓN

Xa pola tarde, os actos en honra a Rosalía desprazáronse á Casa-Museo da Matanza, en Padrón, onde o cociñeiro Pepe Solla --posuidor dunha estrela Michelín no seu restaurante 'Casa Solla' de Poio (Pontevedra)-- foi o encargado de preparar o 'caldo de gloria'.

Antes, o 'Trío Rosalía', formado pola mezzosoprano María José Ladra, o oboe de Juan Pérez Berná e o piano de Margarita Viso, ofreceu un concerto con pezas baseadas en poemas da escritora nada en 1837.

Ademais dos actos institucionais vividos por toda Galicia este sábado, os recordos a Rosalía tamén foron numerosos nas redes sociais, onde partidos políticos, clubes deportivos e entidades culturais e sociais reivindicaron o legado da creadora de 'Cantares Galegos'.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galiza ceibe

debe ser o único o un dos poucos casos no mundo, no que o referente literario-politico do xurdimento do nacionalismo e un.ha muller. GALIZA NUNCA DEBES CHAMARTE EXPAÑOLA!!!!