Ana Miranda di que "agora si hai probas" para abrir expediente a España por Angrois

A portavoz do Bloque tomará posesión do seu escano rotatorio dentro da súa candidatura "Os Pobos Deciden" no Parlamento Europeo o 28 de febreiro. A parlamentaria nacionalista di que toca "rematar" o traballo realizado sobre o accidente do Alvia porque di "agora si que hai probas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2018 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A primeira reunión que terá xa como deputada en Europa, onde sucede a Josu Juaristi, será ao día seguinte coa Comisión Europea e a ela levará "nova documentación" que achegará á demanda que ten interposta o BNG, aínda que quixo subliñar que todas as actuacións as fai en "colaboración" coas vítimas. Con estas novas "probas", Ana Miranda confiou en que a Comisión Europea, após estudar a documentación, "abra procedemento de infracción".

Ana Miranda toma posesión do escano en Europa o día 28
Ana Miranda toma posesión do escano en Europa o día 28 | Fonte: Europa Press

"Temos unha reunión para achegar á comisión información moi importante do caso Alvia, en concreto, que o exame de control de riscos non se fixo completamente como di a Unión Europea que se ten que facer. Agora si que hai probas, moitas máis probas", remarcou Miranda, que se incorporará ao Grupo da Verdes-Alianza Libre Europea (ALE).

UTILIDADE DO TRABALLO

A política nacionalista subliñou que "está claro que o BNG foi útil" co seu traballo nesta cuestión, pero marcou como obxectivo culminar o camiño. "Hai unha promesa de rematalo", sentenciou a futura eurodeputada, quen avanzou que as súas primeiras iniciativas serán para denunciar "os recortes na sanidade pública e a non subida das pensións". "Esas van ser as nosas dúas primeiras iniciativas, xunto coa reunión do Alvia ao día seguinte de retomar o escano".

Ana Miranda, que estará arroupada pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, na súa toma de posesión o día 28 --tamén lle acompañará na reunión do día seguinte--, defendeu que a formación nacionalista "está claro que non empeza de cero" na lexislatura, porque, asegurou, xa traballou en cuestións como "paralizar" a exclusión da arte de pesca 'xeito' como pretendía a Unión Europea. Agora, dixo, correspóndelle "interceder por todas as problemáticas" que haxa en Galicia con "voz directa" na Eurocámara, para o que disporá de 14 meses, dous menos que na anterior lexislatura.

No entanto, asegurou que con este tempo "fará todo o posible para levar todas as problemáticas e propostas en positivo, para que haxa cambios" e afirmou que buscará que, ademais dos sectores produtivos e iniciativas como a paralización da mina de Touro, sexa unha lexislatura "moi social". "Vou deixar o cerebro, a pel e estarei con total entrega como sempre, mesmo máis", remarcou.

INTERGRUPO DE LINGUAS E PRESENZA DO GALEGO

E expresarao, afirmou, de maneira "plurilingüe", aínda que de forma habitual aproveitará a lingua "irmá" portuguesa para poder levar o galego ás intervencións na Eurocámara, unha 'tradición' que iniciou o deputado Camilo Nogueira nos anos 90, de quen Ana Pontón foi asistente técnica durante aquel período.

De feito, á pregunta de se aposta por que a Unión Europea impulse o uso das linguas cooficiais dos estados membro na Eurocámara, Ana Miranda remarcou que "de facto, o galego xa está". En canto á promoción do eúscaro e o catalán, indicou, depende dun memorando que eleve o Goberno español, pero "non o presentou". En todo caso, a futura eurodeputada rexeitou facer un "problema político" coas linguas e defendeu o uso delas segundo os contextos, alegando que ela mesma se dirixe, e é partidaria de facelo, no idioma do comisario de quenda cando realiza unha pregunta concreta, por exemplo.

"Non son partidaria de que a Unión Europea se meta en todo, porque se se mete en todo, acabamos neoliberais en todo e o útil para a UE, sería que só houbese tres linguas. Pero non pode ser, temos unha cultura e unha traxectoria", aseverou. Sen saír do tema lingüístico, Ana Miranda anticipou un "papel moi relevante" do BNG no "intergrupo de linguas", pero pediu esperar a "marzo" para detallar esta cuestión.

ACORDOS CON OUTROS EURODEPUTADOS GALEGOS

Ana Miranda é defensora da "liberdade de voto" no seo dos grupos parlamentarios europeos, como é o caso, citou, do seu propio. "Nós non é que sexa o escano do BNG, imos como unha delegación galega, coma se hai que votar en contra do noso propio grupo. Iso dá moita liberdade, o que fagan os demais, é un problema deles", expresou a preguntas de se os representantes políticos deberían primar o estado ou rexión á que representan ou á súa familia política.

Cando xurdiu a polémica pola iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, que se presentou pola candidatura Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Ana Miranda foi interpelada en redes sociais e evitou "dar leccións", segundo as súas propias palabras na Rede. "Eu diso nunca opinei, ademais, cada un é responsable dos seus actos, cada deputado, cada grupo político. Teño bastante traballo co que teño que facer e teño unha particularidade, non son soberbia e non lle teño que dar leccións a ninguén", respondeu ao ser preguntada por esta cuestión.

E cuestionada acerca de se vai establecer lazos de colaboración cos deputados galegos e, singularmente, con Lídia Senra, Ana Miranda manifestou que o Bloque "sempre está disposto a colaborar con quen vaia a defender o país". "Iso sempre o fixemos, en todos os parlamentos, e fíxose na lexislatura pasada, outra cousa é que quixesen ou non quixesen", apostilou.

"Para as cousas que sexan de interese para o país, eu xa o dixen en campaña: man tendida a todo o mundo. Menos á extrema dereita, con eles, nin auga", expresou con contundencia, antes de insistir en que "en determinadas temáticas que afectan o país, haberá que falar con todo o mundo". Así, sobre a posibilidade de que se chegue a algunha iniciativa conxunta con Francisco Millán Mon (PP), José Blanco (PSOE), Ana Miranda volveu a lembrar que no seu grupo existe "liberdade de voto", pero "para eles" entende "que non", porque "se demostrou co porto de Vigo" --que quedou fóra da ruta europea. "Trasladámoslle ao PSOE e ao PP unha man tendida e remítome á prensa", sentenciou.

A pesar diso, pediu esperar a ver que ocorre nos próximos meses. "O que vai pasar nesta lexislatura, ímolo a ver. Eu non estou pechada a nada", reiterou, respecto diso do que precisou que "sería desexable" chegar a acordos en materia como de fondos estruturais, pesqueira, atención á dependencia. "Nin me gustaría, nin non me gustaría, simplemente sería o desexable, que os grupos entendan e non atendan ao que diga Madrid", rematou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

2 comunista independentista

Reina por un día. Coitada...

1 Bibalabirrafria

Por suposto, nada é comparable ao voso: https://www.diariodepontevedra.es/a...

2 galego

Pero ainda non ficou acreditado dabondo que o friki comunista independentista nin é comunista nen galego nen gaitas se non un troll que busca crear enfrontamentos inúteis sen ningún criterio ou sentido.

1 Kilo

Cánto cobra esta elementa por estas parvadas? La extrema derecha flamenca y británica fueron los únicos apoyos de los golpistas cataláns.

1 anonimo

Só sabes escribir iso... A ver adoecedes dunha falta de argumentos preocupante. Pero, que máis dá... Son os tempos. Tampouco é que teñades moito mellor en fronte... Se non sodes o mesmo. A eterna espiral galaica de tomar o pelo.

2 anonimo

Vouche entrar ó trapo, unha e non mais, seguro que cobra menos que o lambido aquél do PP que din que representa a Galicia en Europa e xa ninguén se lembra de como se chama.