Milleiros de persoas din non á mina Touro-O Pino

A manifestación convocada pola plataforma contraria á apertura da mina nos dous concellos, reivindicou a cancelación do proxecto de explotación nos seus terreos. As persoas asistentes estiveron acompañadas polos tratores de agricultores e gandeiros que tamén participaron na protesta. O acto rematou coa lectura dun manifesto onde se recolleron os puntos que definen as posturas dos veciños e veciñas de Touro e O Pino.

Por Moncho Mariño | O Pino-Touro | 25/02/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, convocou hoxe unha manifestación contra a apertura dunha explotación mineira de cobre entre os dous concellos. A esta convocatoria acudiron case 2500 persoas segundo a organización, xunto con case 100 tractores. Durante o traxecto non se rexistraron incidentes e a esta marcha uníronse ademais de veciños de Touro e O Pino, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, colectivos ecoloxístas e asociacións contrarias á apertura doutras minas.  O obxectivo da marcha de hoxe foi "dicirlle á Xunta e a Feijoo e que non apele a unha legalidade que nos terreos de Touro e do Pino non se está cumprindo" di Rubén Souto, da Plataforma Veciñal.

cabeceira da manifestación
cabeceira da manifestación | Fonte: Rubén Souto

O percorrido comezou ás 12:00 na antiga balsa de Angumil, perto do núcelo de poboación de Touro. Logo arrodeu o núcelo de Fonte Díaz ata chegar ás portas da Casa do Concello arredor das 13:00. Alí pasouse a ler o manifesto dos veciños e veciñas de Touro e do Pino, enumerando os diferentes puntos polos que a veciñanza dos dous concellos rexeita a apertura da mina de cobre.

APOIOS

Esta protesta "foi apoiada por moitas persoas, entre eles agricultores e gandeiros, porque o sector agrogandeiro sería un dos máis afectados en primeira instancia e que é o principal sustento dos concellos de Touro e O Pino" afirmou Rubén Souto. Outra presenza destacada foi a da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, pois toda esta área tamén se vería afectada de maneira directa, segundo din, polas  posibles verteduras de residuos da mina, como acontece na actualidade cando rebordan as balsas da antiga mina de cobre que pretende reabrir a empresa Cobre San Rafael, participada por Atalaya Minning.

A polémica saltara cando se anunciara a intención das mineiras citadas de reabrir as antigas explotacións en Touro, pechadas no ano 1986. Durante moito tempo os veciños e veciñas denunciaran que as balsas de residuos estaban a contaminar acuíferos e correntes de auga. Non obstante, a pesar das tres décadas transcorridas "parece ser que é agora cando se están decatando de todas as consencuencias que ten o abandono dunha mina sen que actúe a lei, porque non actuou desde o 86 nin actuou agora cando a drenaxe é evidente" sinala Souto.

Foto da manifestación contra a mina
Foto da manifestación contra a mina | Fonte: Rubén Souto

SUPERFICIE E FUTURO DA ACTIVIDADE

Informes elaborados polos concellos, da Sociedade de Historia Natural de Galicia e numerosas alegacións, recollen que a futura actividade mineira pode aumentar a drenaxe ácida cara ríos, fontes e acuíferos en xeral. As consencuencias para a gandeiría e agricultura veríase reflectida no aumento da superficie a explotar por parte das mineiras, porque das máis de 600 hectáreas que se explotarían, case 500 estarían dentro de áreas forestais e pastos.

Sobre o futuro que representaría a actividade extractiva, Rubén Souto declara que "esta actividade non ten ningún futuro, porque é unha actividade abocada a rematar en 15 anos e sen garantías" cando "a hemeroteca nos indica que non hai garantías coa empresa Atalaya Minning".

(vídeo grazas a Rubén Souto)

RESPOSTA DE SAN RAFAEL COBRE

Pola súa banda, a empresa que quere abrir a mina en Touro-O Pino, defende que a súa será unha explotación responsable e comprometida co medio ambiente. Indican tamén que a actividade mineira terá compatibilidade cos traballos agrogandeiros da zona. Sinalan ademais que a imaxe que se está dando "é un escenario moi afastado do que sería a realidade dun proxecto mineiro do século XXI"

En vista disto último, San Rafael Cobre abrirá dous puntos de información nos dous concellos afectados. O obxectivo é ofrecer información de forma transparente que aclare as dúbidas que poda ter a xente sobre a mina. Tamén di que serán dous puntos onde facilitar o diálogo entre os dous concellos e a empresa.

San Rafael incide na importancia da minería ao ser un sector preferente dentro da UE. Lembra tamén que as medidas de control para a explotación de Touro-O Pino, serán as establecidas en países como Suecia ou Finlandia. Sinalan ademais o informe do Banco Mundial que apunta aos minerais cun importante papel no futuro da redución de emisións de carbono.

Manifestación contra a mina en Touro O Pino Momentos da manifestación contra a mina
Manifestación contra a mina en Touro O Pino Momentos da manifestación contra a mina | Fonte: Rubén Souto
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Breogán

Habería que facer unha grande mina a ceo aberto en Montepio, seica hai xente que alí se atopa o Eldorado.

1 bazarra

Feijoo, non fixo nada novo dende o bipartito e séguese a aproveitar das ideas e obras feitas.