Propoñen soutos de castiñeiros como devasas e o "potencial" dos cazadores para evitar incendios

Criadores de ovino e caprino chaman a evitar o abandono do rural e piden "plans específicos" como en Andalucía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2018 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A comisión especial de estudo das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios proseguiu este luns os seus traballos cunha xornada marcada polo carácter "multifuncional" que diferentes axentes recomendan para loitar contra os lumes no monte galego. Así, o secretario da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, Manuel López, propuxo a creación de "devasas produtivas", a base de soutos de castiñeiros que permiten esa "multifuncionalidade" se a produción do seu froito se conxuga con outras actividades como o cultivo de cogomelos e a caza, entre outras.

Incendio de As Neves en octubre de 2017
Incendio de As Neves en octubre de 2017 | Fonte: Europa Press

A continuación, a comisión parlamentaria creada por mor da vaga de incendios de outubro, que arrasou case 50.000 hectáreas e se cobrou a vida de catro persoas, recibiu ao presidente da Federación Galega de Caza, cuxa intervención foi a máis polémica ao mostrar algúns representantes da oposición o seu rexeitamento a esta actividade.

En nome dos cazadores, Javier Nogueira chamou a aproveitar "o potencial" deste colectivo para, por exemplo, "formar un auténtico equipo de vixiantes" do monte, tendo en conta o número de federados, o seu coñecemento do terreo e a dispoñibilidade de 25 radiofrecuencias e 10.000 aparellos para a comunicación interna.

En último termo, na sesión de mañá, compareceu a vogal da xunta directiva de Ovica (a asociación galega de criadores de ovino e caprino) Marta Rodríguez, quen puxo o foco na necesidade de adoptar medidas que eviten o abandono do rural e pediu "plans específicos" como os existentes en Andalucía para gandeiros, co fin último da "xestión" de biomasa.

POLÉMICA CAZA

Pese ao ton sosegado e respectuoso por todas as partes, a participación do presidente da federación galega de caza, Javier Nogueira, non estivo exenta de polémica, xa que tivo que escoitar críticas por parte do deputado de En Marea Pancho Casal e tamén foi interrogado por Xosé Luís Rivas, 'Mini', do BNG, sobre "para cando a caza sen morte".

Casal, en concreto, referiuse a recentes "matanzas" e censurou declaracións da Federación Española de Caza que cualificaban aos que están "en contra da caza con morte" de "inadaptados sociais".

Estas palabras motivaron que polo PP José González lle reprendese na súa quenda, ao lembrar que a comisión ten por obxecto analizar as causas dos incendios en Galicia e tratar de dar con medidas para "mellorar" neste ámbito.

"Chamamos á caza polo respecto que nos merece polo número importantísimo de federados, así que as críticas están fóra de lugar. Se están en contra da caza, vaian a outro sitio. Aquí se trata de ver como poden botar unha man", argumentou González.

Pola súa banda, o socialista José Antonio Quiroga apuntou ao dano que fan os "escopeteiros" á imaxe dos cazadores, pero tamén falou dunha "sociedade altamente hipócrita" que "se rasga as vestiduras" pola morte dun animal pero esquece o sufrimento de miles de persoas en moitos lugares do mundo.

DEFENDE INVESTIMENTO E COIDADO

Na réplica, Nogueira defendeu que as asociacións de cazadores son "as entidades privadas que máis invisten na recuperación dos ecosistemas en Galicia", segundo dixo, en limpeza de montes e plantacións de cereais con fins non lucrativos.

Á pregunta de "para cando a caza sen morte", respondeu que "é moi difícil", aínda que sinalou que os participantes realizan "moitas máis xornadas de caza sen morte que de caza con morte".

Así, recalcando a idea de "coidado da natureza" por parte dos que cazan, o presidente da Federación Galega lamentou que se diga que "non é un deporte" e reivindicou que no monte caben "todos", admitindo un "problema de comprensión" sobre a súa actividade "no mundo urbano".

CRÍTICAS DOS ANIMALISTAS

Case á vez que finalizaba o seu discurso, a asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber emitiron un comunicado conxunto co que tachan de "insultante" a comparecencia de Javier Nogueira na comisión sobre incendios.

"Este individuo tachou de 'mariconadas' a oposición a estas prácticas violentas cos animais", aseguran na nota, na que denuncian que os cazadores pediron "500.000 euros para os seus cotos tras a vaga de incendios de outubro" e engaden que "os motivos cinexéticos e escorrentar a determinadas especies supuxeron o 4,52% dos lumes intencionados en 2012".

Libera e a fundación, de feito, censuran "que se convide" á federación de caza a "facer a súa enésima posta en valor cando a inmensa maioría da cidadanía --ao seu xuízo-- nin é cazadora nin avala esta actividade".

MASAS XEORREFERENCIADAS

Pola súa banda, o secretario de Castaña de Galicia recomendou implantar devasas a base de castiñeiros ou outras especies e apuntou que eses puntos deberían ser "xeorreferenciados" e distribuídos entre as brigadas, para que saiban por que punto poden acudir a apagar un incendio.

"Non pode ser que nos ardan 500 hectáreas. Poñamos devasas produtivas. E arderannos 50, non 500", ilustrou, á vez que incidiu en que se estas masas para a produción de castañas "se coidan, é porque valen".

Os grupos, pola súa banda, interesáronse por algunhas pragas que sofre esta especie, ao que Manuel López lles comentou que aínda hai "que solucionar determinadas cousas", pero apostou por "non facelo con demasiada présa".

PASTOREO EN TERREOS QUEIMADOS

Por último, Marta Rodríguez, vogal da xunta directiva dos criadores de ovino e caprino en Galicia, chamou a atención sobre que "a clave da problemática do lume pasa pola xente", e opinou que "non se precisan leis ou normativas novas", senón que se apliquen as que xa hai.

Iso si, reclamou a supresión da prohibición de pastorear en terreos queimados, unha "demanda de primeira necesidade", segundo valorou, posto que "se os gandeiros que quedaron sen alimento non poden pastorear no inverno, a explotación gandeira está condenada ao peche".

Acerca doutro veto legal, o de cazar en terreos que arderon, pronunciouse tamén na súa quenda o representante da federación de cazadores: "Estamos de acordo coa prohibición. Pero non con que sexan catro ou tres anos", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pero é que o rural non é una finca da Xunta, onde ésta pode facer o que lle pete. Ten donos privados. Todas as medidas propostas ( plantemos esto, fagamos estoutro ) esquecen eso.