Artistas e intelectuais de Galicia e Portugal, en defensa da liberdade de expresión

Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras ou Miguel de Lira, entre os asinantes dun manifesto 'A prol do Apóstolo Santiago' e en apoio ao humorista Carlos Santiago polo seu pregón de Entroido.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/02/2018 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A polémica e os ataques contra o humorista Carlos Santiago polo seu pregón durante os entroidos da capital galega, no que satirizou co Apóstolo e a Virxe do Pilar, xerou á súa vez unha intensa corrente de apoios no mundo artístico da cultura galega e máis aló das nosas fronteiras.

Censura.
Censura.

Todas estas mostras de solidariedade e indignación polo que consideran un ataque á liberdade creativa e de expresión desembocaron en dous manifestos, un deles a través dun texto de apoio procedente de colectivos e artistas de Portugal e outro, o máis recente, impulsado desde Galicia e cunha inxente cantidade de apoios procedentes do panorama intelectual.

O manifesto 'A prol do Apóstolo Santiago' foi subscrito, entre outros, polo escritor e ex-presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o histórico político Xosé Manuel Beiras, ou figuras recoñecidas entre o panorama cultural galego, como a cantante Uxía Senlle, o actor e director artístico Xesús Ron, o cómico Miguel de Lira ou a escritora Inma López Silva.

O texto censura "un novo ataque cavernario á máis elemental liberdade de expresión artística" e contra "o espírito crítico" que é "a propia esencia" desta celebración, aludindo a outras polémicas como o cartel do entroido da Coruña o pasado ano, os supostos titiriteiros "terroristas" ou as denuncias contra cantantes.

"Convocamos á voz da cidadanía libre e democrática", sinalan, para "pronunciarse a favor da liberdade artística", advertindo de que "se engana quen afirme ou pense" que esta expresión "non está amparada pola liberdade de expresión que defende a lexislación vixente".

"Neste país aínda é legal o escarnio de ideas, crenzas, mitos e ideoloxías dentro dun inequívoco sentido crítico e paródico".

Xunto a este manifesto impulsouse outro texto de apoio procedente de colectivos e personalidades do mundo cultural e teatral portugués, no que se denuncia esta "cruzada político-relixiosa" contra o artista galego, un feito "intolerable", trasladando a súa solidariedade con Carlos Santiago e o seu afán por manter "un pensamento propio que dignifica aos seres humanos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta