Nova manifestación en defensa da área sanitaria da Mariña

A plataforma convocante fai un chamamento a toda a comarca a participar na mobilización convocada para o 1 de marzo.

Por Galicia Confidencial | Burela | 27/02/2018 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A Mariña volverá ser o escenario, unha vez máis en apenas mes e medio, dunha manifestación en defensa da sanidade pública. Será este xoves, 1 de marzo, cunha mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña que sairá do Hospital da Costa ás oito da tarde e, tras percorrer as rúas de Burela, rematará na Praza do Concello, onde se dará lectura a un manifesto.

Manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña
Manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña

Desde a Plataforma Sanitaria fan un "chamamento a todas as mariñás e mariñaos" para que "saian masivamente á rúa" ese día a "defender a sanidade pública e rexeitar a supresión da área sanitaria da Mariña”.

Este colectivo  apunta que "existen motivos de sobra para sair á rúa, desde o paulatino aumento nas derivacións cara a Lugo que se ven dando desde que se implantou a EOXI no ano 2013, os datos sobre os tempos de agarda para consultas probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas absolutamente falseados, até a percepción por parte da veciñanza da merma da calidade asistencial pola sobrecarga á que se ten sometida ás plantillas insuficientes", argúen.

CHAMADA AO PECHE DO COMERCIO

A Plataforma Sanitaria chama tamén ao "peche do comercio en apoio a esta inxusta reforma da lei  de saúde que creará máis desigualdade", din.

Deste xeito queren favorecer a asistencia dos empregados deste sector, pechando os locais un pouco antes do habitual, para pedir entre todos a retirada do proxecto de reforma da lei de saúde.

"De aprobarse que se elimine a área sanitaria da Mariña, pasaremos a ser pacientes de Lugo, aumentando os desprazamentos cara á capital  para  consultas, probas diagnósticas ou intervencións", advirten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta