Temas: XACOBEO

O Consello de Contas fiscalizará o polémico contrato do festival do Xacobeo

A oposición insiste en que é necesario explicar por que a Xunta concedeu "a dedo" o contrato do festival 'O Son do Camiño' á UTE formada polas empresas Old Navy Port Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/02/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, asegurou que o contrato do festival 'O Son do Camiño' co que a Xunta promociona o Xacobeo 2021 "no seu día será obxecto de fiscalización, como todos estes aspectos" relativos a "denuncias". Así o dixo este martes durante a súa comparecencia no Parlamento, na comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas.

O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo
O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo | Fonte: Europa Press

Na quenda dos grupos, a socialista Begoña Rodríguez destacou que o PSdeG quere "saber como é posible que nestes momentos un PP zarrapicado pola corrupción en moitísimos casos adxudique —a través da Xunta— un contrato, ao parecer, sen concurso público, ou sen a transparencia necesaria", por un valor que situou nuns 3 millóns de euros, concedido á UTE formada polas empresas Old Navy Port Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L.

Sobre este extremo respondeulle Redondo na réplica, ao afirmar que "no seu día será obxecto de fiscalización", aínda admitindo que a día de hoxe non lle pode "dicir ningunha cousa". "Non hai ningún problema en analizar todo o que se considere oportuno", razoou o conselleiro maior de Contas, en referencia á incorporación ao plan do organismo das denuncias con visos de "sustentabilidade".

O festival 'O Son do Camiño' foi presentado o venres e xa ese mesmo día o PSOE galego criticou a súa concesión "a dedo". O sábado, En Marea e BNG tamén denunciaron a concesión, algo no que insistiu o líder da formación rupturista o luns en rolda de prensa. Pola súa banda, o Bloque anunciou este martes que levará o asunto ao pleno da semana que vén.

Na comisión de Contas, o deputado de En Marea Manuel Lago interpelou ao conselleiro maior polo "combate" da corrupción, máis aló da "prevención" desta. "O papel é prevención contra a corrupción. É o que se nos encargou", replicou Redondo.

Con todo, reflexionou sobre que esta é unha "batalla longa" e avogou por avanzar para "xerar un modelo de integridade e de control interno que permita detectar anomalías". "Non é unha batalla de hoxe para mañá", insistiu.

A parlamentaria do BNG Noa Presas apuntou ás "malas praxes que non constitúen un delito" pero que tamén hai que perseguir, mentres que a popular Cristina Romeu reprendeu a Rodríguez polo seu "ton", e sinalou á situación xudicial de "un ex-secretario do PSdeG e dous expresidentes de comunidade autónoma".

Nunha intervención que tiña por obxecto explicar o plan anual de actividades do Consello para 2018, Redondo deu conta da relación de informes previstos, lendo boa parte dun documento que está dispoñible na páxina web do organismo.

Así, Contas fiscalizará este ano, entre outros aspectos, o gasto farmacéutico derivado da dispensación de receitas médicas dos exercicios 2009 a 2017, o plan de asistencia do ictus, a existencia e cumprimento de cláusulas sociais na contratación pública a través de entidades instrumentais do país e a situación económico-financeira-patrimonial e orzamentaria dos consellos reguladores das denominacións xeográficas do sector alimentario —ningún rende contas a pesar das advertencias do Consello—.

No tocante a corrupción, as actuacións programadas abarcan os centros da administración xeral, as entidades locais do tramo de poboación de 10.001 a 20.000 habitantes, as sociedades mercantís do sector público autonómico, as entidades dependentes do Sergas e os beneficiarios de axudas financiadas con fondos europeos.

Precisamente para cubrir "as necesidades máis perentorias de traballo, fundamentalmente no ámbito da prevención da corrupción", en 2017 o organismo fiscalizador modificou a relación de postos de traballo, que inclúe a creación de catro novas prazas, segundo informou o conselleiro maior.

Temas: XACOBEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tuzaro

Hai outros que por menos están en Estremera e outras, mais iles non son da oligarquia franquista.