Unha folga invisible é un fracaso

A folga convocada pola CIG tivo un resultado moi cativo, como era esperable e como prevía o propio sindicato, polo que se cadra non se pode falar de fracaso. O obxectivo (e o éxito) da convocatoria, como lembraron varios dirixentes de CIG e BNG nos últimos días, era a propia decisión de convocar o paro, non a súa incidencia real. Rexeito totalmente este tipo de argumentacións testemuñalistas, mais comprendo a argumentación de quen defenda que nunha situación de evidentes e numerosas razóns para chamar a unha folga xeral é mellor convocala e que fracase que non facer nada.

Por Marcos Pérez Pena | | 29/01/2011

Comparte esta noticia

Non vou entrar no tema de se os sindicatos deben seguir sendo os referentes e muñidores deste tipo de convocatorias (legalmente aínda o son). Cómpre ter en conta a diminución da súa capacidade de representación e convocatoria da meirande parte da sociedade, alén dos seus afiliados e dos traballadores das grandes empresas con comités activos e traballo sindical tradicional. No futuro os sindicatos de traballadores asalariados deberán ser apenas unha parte dos convocantes dunha folga xeral, en coordinación cos sindicatos labregos, cos estudantes, parados, asociacións de precarios, oenegués, colectivos de inmigrantes, de xubilados, de amas de casa, asociacións de veciños ou ecoloxistas. Porque a loita é a mesma, pero a sociedade é moito máis complexa e está moito máis compartimentada.

A incidencia da folga foi realmente cativa e dispar: significativa no transporte e nalgunhas grandes empresas e nula no comercio, nas pequenas empresas e na administración. Digo que o resultado era esperable, en primeiro lugar, porque aínda que en setembro os tres sindicatos maioritarios foran quen de salvar a cara, tampouco a participación fora demasiado elevada, fóra dos traballadores industriais e do transporte. Nesta ocasión só convocaba a CIG, cunha representatividade que é a metade da que suman UXT e CC.OO., polo que a priori o esperable era que o resultado do paro fose equivalente. Ademais, a folga é un instrumento moi poderoso que se desgasta cando se usa mal e que só ten éxito real se despois as centrais sindicais son quen de gañar posicións nas mesas de negociación, e se a CIG ten unha extraordinaria capacidade de mobilización dos seus afiliados o certo é que moitas veces desaproveita esa forza nos procesos negociadores.

Pero se a folga convocada pola CIG obtivo un resultado cativo foi, ademais, por unha cuestión máis fonda, e que ten que ver coa comunicación e coa construción da sociedade. Nas semanas e días previos ao 27 non é que non houbese ambiente de folga, é que a meirande parte dos traballadores galegos nin sequera sabían que alguén convocara un paro, en boa medida porque os medios de comunicación non falaban do tema. Algo moi diferente do que sucedera en setembro, cando a participación na folga foi a que foi, pero nas semanas previas a convocatoria fora un tema de conversa recorrente na rúa, e detectábase ademais unha simpatía xeral cara ao paro, aínda que despois moita xente fose traballar finalmente.

En boa medida isto explícase pola ausencia dun espazo galego de comunicación. A súa ausencia fixo que a convocatoria dunha folga apenas en Galicia e non no conxunto do Estado pasase practicamente desapercibida para os galegos. Esa é unha das cousas que fai moi diferente a Galicia de Euskadi e Catalunya, que si contan con medios de comunicación que toman a Euskadi ou a Barcelona como centro e que dende aí contan o mundo. Os medios galegos teñen, ao igual que os aragoneses ou murcianos, o centro das súas axendas en Madrid e ademais isto é hoxe máis claro ca nunca, máis claro que na Transición ou nos anos oitenta, por suposto. Ese é un gran problema que fai inútil calquera esforzo de convocar unha folga exclusivamente en Galicia, sen contar con concurso do resto do Estado.

E os culpables non son nin España, nin Madrid, nin a doma e castración nin a suposta colonización. A culpable é a sociedade galega, que foi incapaz se crear medios de comunicación cun discurso propio, de país, foi incapaz de crear un espazo galego de comunicación: na televisión, na radio, na prensa impresa e, unha vez máis, está fracasando na prensa dixital. Como en todo, falta sociedade civil e sobra conformismo e entreguismo aos discursos alleos. E seguramente o nacionalismo galego é o principal culpable. Correspóndelle esta categoría polos seus méritos: trátase seguramente do único movemento político cun proxecto de país e nas súas fileiras participan ou participaron os elementos máis activos da sociedade civil. Porén, o nacionalismo esqueceu na última década o obxectivo de transformar e construír a sociedade galega, moito máis importante que chegar eventualmente ao poder nun determinado momento. A UPG nunca tivo a Gramsci entre as súas lecturas, e descoñece ou despreza o concepto da hexemonía.

A CIG é sen dúbida o meirande éxito do nacionalismo galego na súa historia, a súa primeira organización de masas duradeira e con auténtica forza na sociedade. A pesar do sectarismo demostrado en moitos momentos, a CIG chegou a ser o segundo sindicato de Galicia, con varias decenas de miles de afiliados. Porén, isto serve de ben pouco nunha sociedade na que os seus discursos aboian coma o aceite na auga, non a impregnan, non callan. Porque a sociedade galega está noutra lonxitude de onda, le xornais e mira canles de televisión que falan dun país distinto ao da CIG. E ese é un gran fracaso da CIG e do nacionalismo galego. O importante non é se a folga de hoxe fracasou ou non, o fracaso vén de lonxe, é máis profundo e ten moito que ver cos medios de comunicación e coa construción da sociedade civil galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.