Marica Campo: “A literatura feita por mulleres é literatura para persoas, como ten que ser”

O colectivo A Sega elixiu á escritora e dramaturga Marica Campo (Val do Mao, O Incio) como a figura que protagonizará o Día das Galegas nas Letras. Nesta V Edición deste día de reivindicación para as mulleres, que se celebrará o 18 de agosto, coincide coa elección doutra muller, María Victoria Moreno, como protagonista do Día das Letras Galegas. Casualidade ou non, a presenza de mulleres na narrativa, poesía e dramaturxia do país parece que vai collendo pulo de cara á reivindicación do seu peso na creación literaria. Falamos con Marica Campo sobre estes temas e dalgunha anécdota que acompaña a “intrahistoria” das creadoras, moitas aínda por reivindicar.

Por Moncho Mariño | Lugo | 28/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Levas unha longa traxectoria escrita tanto en poesía como en dramaturxia. Cal é o significado que ten para ti ser chamada para o Día das Galegas nas Letras?
Pois unha sorpresa moi grande. Tiña noticias deste Día das Galegas nas Letras, pero en ningún momento se me pasara pola cabeza que me escolleran. Ademais, fíxome ilusión polas mulleres todas. A maioría son críticas literarias as que forman parte da Sega, así que agradecemento, alegría e compromiso.

A autora Marica Campo
A autora Marica Campo | Fonte: Wikipedia IES García Barros

-Onde reside ese compromiso para ti?
Pois en traballar pola igualdade das mulleres e pola nosa vida e a nosa literatura. Tamén na propia satisfacción, pois moitas veces poderíamos escribir máis cousas, pero o feito de facer outras cousas, de acudir a un lugar e a outro, gasta tempo ao que sería adicarlle ese tempo ao que me dá satisfacción máis persoal, como é escribir.

-Contas que poda asistir á celebración do 15 de agosto, alguén da RAG?
Pois non sei. Creo que non ten nada que ver coa Academia, non sei se irá alguén. Non hai case ningunha académica polo medio.

-Este ano outorgóuse o Día das Letras Galegas a unha muller, pero aínda así seguen sendo pouquísimas.
Si, outorgóuselle a unha muller que tamén levara o recoñecemento das Galegas nas Letras, María Victoria Moreno, que coñecín. Pero si, van habendo algunhas mulleres ás que se lles adica este día, pero eu penso que hai algunhas pendentes aínda. Hai autoras que si foron mencionadas coa súa importancia no seu día. Pero hai nomes que xamais se citan que realmente fixeron moito pola lingua. Por exemplo Luisa Villalta, Xela Arias e supoño que tamén se lle fará o Día das Letras Galegas no seu momento a Xohana Torres.

-A literatura feita por mulleres en Galicia é literatura para mulleres como pensan algúns?
É unha literatura para persoas, como ten que ser. Os homes facían literatura para homes e para mulleres pero desde o seu discurso patriarcal. Era como o dito por Virginia Wolf, tiña que facer manobras de distracción, porque escribía como muller para mulleres pero o cuarto estaba cheo de homes. Aquí pasaría o mesmo, hai moitas manobras de distracción, pero non interesan, hai que ir en liña recta.

-Chega unha nova xeración de autoras en todos os campos e semella que aportan, ademais doutra perspectiva, unha mellor saúde á literatura en galego.
Pois é do mellor que se está a facer neste momento e tamén alén das nosas fronteiras.

-Hai pouco lin que autoras e críticas galegas están facendo case que labores de arqueoloxía para atopar autoras descoñecidas ou que non podían asinar as súas obras.
Se repasas a historia verás que na Coruña houbo unha autora, Juana Teresa Juega por exemplo, que recibiu disparos do seu mozo porque escribía poesía. Martínez Sierra asinaba as cousas que escribía co nome da súa muller. E encima ía polo mundo representando as súas obras mentres a enganaba.  Pero tamén houbo homes que asinaron con nome de muller porque sabían que a poesía de muller estaba moi prestixiada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Arturo

Toda a literatura está feita para as persoas. Hai xente que descubre o mediterráneo e quédase extasiada do seu maravilloso descubrimento.

1 Xosé M. L.

Primeiro lea e despois descualifique. Pregúntanlle se escribe para as mulleres e a súa resposta é ben coherente. Hai xente que ten mala uva e queda (non "quédase") encantada de coñecerse.