SES reinvéntase a si mesma e o rock en galego

Vigo é a súa nova parada na xira de presentación do seu novo traballo, ‘Readmirando a condición’, no que muda a sonoridade do que fora o seu primeiro álbum.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/02/2018 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

SES presenta o vindeiro 9 de marzo en Vigo o seu novo disco, ‘Readmirando a condición’ logo de esgotar entradas en dous concertos consecutivos na Coruña no inicio de xira e tamén en Barcelona (1 de marzo). A nova cita será no Auditorio Mar de Vigo ás 21 horas. As entradas xa están á venda en ticketea.com

María Xosé Silvar, coñecida musicalmente como SES.
María Xosé Silvar, coñecida musicalmente como SES.

Neste novo traballo, publicado o pasado 1 de decembro, a artista galega volveu gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, ‘Admirando a condición’, que publicou en 2011, ademais dun tema inédito e homónimo.

XIRA

O espectáculo de Vigo forma parte da xira que levará a SES nos vindeiros meses por varias cidades galegas: Vilagarcía o 7 de abril; Compostela o 14; Narón o 12 de maio; e Lugo o 26, ademais de Barcelona (Tradicionàrius, 1 de marzo), Madrid (Galileo Galilei, 13 de marzo), Bilbao (Azkena, 20 de abril) e Lizarra ao día seguinte.

Nesta xira os fans poderán escoitar por primeira vez o repertorio íntegro deste disco, pois naquel momento non se fixo xira e algúns dos temas que inclúe -como “Rolling Stone”, “Pepa” ou “Fala de mel”- apenas foron interpretados en directo. 

Esta revisión do seu primeiro disco chega logo do éxito de ‘Opoñerse á extinción’, do que vendeu máis de 7.000 discos (chegou ao top 85 de vendas en España) e de ofrecer uns 50 concertos desde a súa presentación en decembro de 2016, con todo o papel vendido en case todos os auditorios galegos e concertos nas principais salas de Bilbao, Madrid ou Barcelona, alén de participar no Madrid World Pride e noutros moitos festivais por toda a Península.

‘Readmirando a condición’ está composto por doce temas, dos cales once corresponden ao seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a artista dálle un son máis persoal ao seu disco de debut, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma mesma, a diferenza do primeiro disco. O novo disco só se vende nos concertos da banda e no seu sitio web

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta