O club da enerxía valora a estratexia de Galicia de cara ás cidades sustentables

Sinala o exemplo de Santiago en calidade do aire, A Coruña e Vigo como 'smart cities', Pontevedra en mobilidade e Ourense pola seu 'ecobarrio'

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/02/2018 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O club español da enerxía, unha entidade privada que conta con Gas Natural Fenosa, Endesa, Cepsa, Iberdrola, Repsol e Viesgo entre os seus asociados executivos, valorou a "estratexia clara" de Galicia para a transición cara a cidades sustentables "que permitan vivir a todos os cidadáns con calidade de vida". Como exemplos, sinalou a Santiago por ser unha das cidades con "mellor" calidade do aire, A Coruña e Vigo como 'smart cities', Pontevedra en mobilidade e Ourense polo seu futuro 'ecobarrio'.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na presentación do libro
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na presentación do libro | Fonte: Europa Press

Así o apuntou o que foi director xeneral da enerxía, Antonio Gomis, coordinador da publicación 'Enerxía e cidades', que foi presentada este mércores en Santiago. Nun acto na Cidade da Cultura, o vicepresidente do club, Miguel Antoñanzas, chamou a atención sobre o "valor estratéxico" que ten para Galicia a enerxía, onde acode esta entidade agora a presentar un libro co que pretende "contribuír" a unha "chamada de atención" á cidadanía para que saiba que ten que "liderar" a transición enerxética.

A continuación tomou a palabra o delegado en Galicia de Gas Natural Fenosa, Manuel Fernández Pellicer, quen enumerou algúns dos retos neste campo, para o que coincidiu en que os cidadáns deben "ser conscientes de que teñen que participar, estar informados e formados", para que "aos poucos sexa unha realidade" a das cidades intelixentes.

ECONOMÍA VERDE E RENOVABLES

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, subliñou a relevancia deste intento por "humanizar a enerxía", por "a importancia dun uso adecuado" da mesma. Neste sentido, reivindicou a estratexia da comunidade galega, coordinada coa estatal e o tecido produtivo, segundo explicou, e que supón un "compromiso" pola economía verde e a eficiencia enerxética, as renovables, a cultura do aforro, a rehabilitación de edificios e o transporte sustentable.

No caso concreto do 'ecobarrio' para Ourense, na Ponte, indicou que o proxecto piloto pretende aproveitar recursos autóctonos como a xeotermia e a biomasa. Antonio Gomis, que espuxo ante os asistentes as liñas principais do traballo 'Enerxía e cidades', reiterou que se trata dunha iniciativa para "concienciar e chamar á acción", e sinalou aspectos como as diferenzas entre calidade do aire e cambio climático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ciclus

Pero que pandilla de hipócritas. A esas empresas non lles interesa o mais mínimo a sustentabilidade, as enerxías renovábeis, o aforro enerxético, a mobilidade non contaminante, etc. dado que vai contra os intereses económicos dos accionistas. Acaso ve alguén a REPSOL recomendando bicicletas nas cidades no lugar de coches consumidores de productos de refinería ???