Como se pode mellorar o galego falado por un computador?

Un proxecto no Ramón Piñeiro abordará o desenvolvemento de tecnoloxías da fala nos ámbitos computacionais. Tamén se fomentará a investigación lingüística e literaria da lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/03/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 300.000 euros ao impulso das actividades de investigación da historia da lingua e a literatura galega a través da actividade que realiza o Centro Ramón Piñeiro en colaboración coas tres universidades galegas.

Investigan novos usos computacionais do galego
Investigan novos usos computacionais do galego

Parte dos estudos que se levarán a cabo céntranse nas áreas de lingüística computacional. E, entre os futuros proxectos está o desenvolvemento de tecnoloxías da fala e aplicacións relacionadas coa etiquetaxelematización do galego actual para mellorar tratamentos complexos como pode ser o recoñecemento de voz ou o recoñecemento de unidades multipalabra. 

Tamén se financiarán os proxectos de terminoloxía científico-técnica (Termigal), base de datos do Atlas lingüístico románico (Alir), bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega), corpus de referencia do galego actual (Corga), corpus documentale latinum gallaeciae (Codolga).

DICCIONARIO GALEGO-ITALIANO

Ademais continuarase traballando nos proxectos de diccionario galego-italiano / italiano-galego; de arquivo Galicia Medieval (Argamed), de lírica galego-portuguesa, de prosa literaria, de cantigas de Santa María, de bibliografía de referencia da literatura galega medieval (Birmed), de dicionarios de literatura, de bibliografía da literatura galega, de investigación en literatura infantil e xuvenil, de dimensións da identidade colectiva de Galicia, ademais, e realizarase un informe anual de literatura galega.

Uns traballos que serán posible logo da renovación dos convenios plurianuais entre a Consellería e as Universidades da Coruña (UDC), de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVigo), para o período 2018/19. O obxectivo último desta cooperación é o de desenvolver proxectos de investigación que sexan estratéxicos para a garantir a utilidade da lingua galega en todos os ámbitos da vida actual e de proxectos que sexan de investigación fundamental e substancial para outros investigadores.

RAMÓN PIÑEIRO

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un organismo investigador de referencia en estudos de fundamentación e investigación filolóxicos, lingüísticos, literarios e antropolóxicos de Galicia.

Dentro desta colaboración, as tres universidades do SUG aportarán os soportes técnicos necesarios que permitan un intercambio de datos, co fin de contribuír a un mellor desenvolvemento das investigacións, en termos de alcance. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta