Un Entroido galego en Catalunya. E por que non?

A entidade cultural alternativa Asemblea Cultural Galega de Barcelona, aglutinadora de persoas e colectivos vencellados ás identidades galega e catalá e con visión de esquerdas, organiza un entroido en Catalunya.

Por X.M. Fernández | Barcelona | 03/03/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Entroido foi esmorecendo co remate do mes de febreiro pero, curiosamente, a máis de mil quilómetros de distancia e entrados xa en marzo, un grupo de xente galega e catalá van vivir un. Será este domingo 4 de marzo na localidade de Cardedeu. Falamos con Mónica Fernández, unha das activistas da entidade ACGB.

Pantalla que estivo no Entroido 2017
Pantalla que estivo no Entroido 2017

Quen organiza este entroido?

Os organizadores son un grupo de pais e nais da Ludotega, grupo que pertence a ACGB (Asamblea Cultural Galega de Barcelona), con soporte de Cardanses, unha asociación de baile tradicional de Cardedeu (Barcelona) e o concello de Cardedeu. 

Como xurdiu a idea de organizalo e por que nesta localidade catalá?

Na Ludotega xuntámonos regularmente para que os nosos fillos podan falar galego e vivir de preto costumes da Galiza. Unha das xuntanzas que facemos regularmente é para o Entroido.

Cartel co programa de actividades
Cartel co programa de actividades

O ano pasado tomou un xeito diferente cando unha asociación de Caldes de Montbui (Barcelona) púxose en contacto cuns pais da Ludotega porque querían facer un día dedicado a Galiza, cunha temática sobre algún feito cultural, e decidiuse sobre o Entroido. Deste xeito enfocouse non só como unha actividade para crianzas se non para todos os públicos. Resultou que foi un éxito e por iso este ano vólvese repetir o mesmo formato desta vez en Cardedeu, porque é o lugar onde viven as familias que o organizan.

Esta será logo a segunda edición?

Exacto, como dixen antes, o pasado ano celebrouse un Entroido similar a Caldas de Montbui (Barcelona) cun programa similar, daquela tivemos a sorte de traer un experto no entroido, Óscar Sotelo, que tamén nos orientou para crear unha choqueira este ano, esta é a novidade. O ano pasado en Caldas tivemos a visita da choqueira de Semente Compostela, máis dúas Pantallas chegadas desde Xinzo de Limia. Este ano creáronse dúas máscaras novas coa intención que se ten éxito poder ir aumentando para os seguintes anos. 

Búscase crear intercambio coa cultura catalá? Entendemos que hai boa sintonía co Concello...

Todos os actos e festas que organiza ACGB son abertas e, evidentemente, está a intención de achegar a cultura galega á catalá. Organizamos este Entroido coordinados con Cardanses, asociación de baile tradicional, por eso a xente que se apuntou ao obradoiro de baile son catalás.

Terá tamén algo que ver a "morriña" de non poder achegarvos cada ano a vivilo en Galiza?

Gustaríanos moito poder vivir en Galiza os entroidos, iso sería o ideal para que os cativos e a xente puidera coñecer a realidade desta tradición. Pero tamén é certo que o feito de informarnos sobre os Entroidos descubrimos que tamén en Cataluña hai manifestacións semellantes, como a Festa do Oso de Prats de Molló (Pirineos), cun oso moi semellante ao de Salcedo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GalegON

Parabéns!

1 Boa iniciativa

Boa iniciativa. Os cataláns son un pobo aberto e tolerante, non como os españois...