Até sempre!

Chega o tempo marzal con datas de moitas lembranzas. O patriarcado ten unha cita co espello e coa historia. Non teño dúbidas de que o mundo seguirá sendo de mulleres e homes, mais axiña precisa de empuxe para facer mudanzas. A folga do día 8 é unha ferramenta necesaria para mover moito do que segue “atado e ben atado”.

Por Fermín Paz | Ferrol | 03/03/2018

Comparte esta noticia

Hoxe a miña escrita quere ser unha despedida temporal, aínda que xamais sabemos o que nos depara o tempo. O caso é que vou facer a segunda parte dunha viaxe que comecei aló polo 2001 e que fun deixando pendente polas “causas obxectivas” de sempre. Non sei cando voltarei a camiñar pola nosa terra; espero facelo ben cedo pola conta que me ten.

Por iso decidín falar do tempo. E non tanto se mañá vai facer bo ou chover; pareceume interesante tratar de facer unha certa cirurxía co concepto do tempo. A mocidade quere que o tempo apure o seu ciclo e a xente máis madura quere unha encalmada sen ventos. O que fixemos tamén nos recorda o que deixamos de facer. O que puido ser e non foi é un pensamento recorrente nas nosas vidas. O pasado é un condicionante do presente e o futuro, unha incógnita aparentemente resolta no “definitivo”. Dito doutro xeito: a vida é o agora, o demais son recordos ou contos chineses. É como se no noso existir estivésemos, case sempre, fóra de tempo ou nun momento pouco axeitado, é dicir, a destempo. Este pensamento levoume a formular o paradoxo: a destempo no tempo. No fondo, a miña pretensión desde aquel momento non foi outra que darlle forma coas verbas ao tal paradoxo.

Escribín un poemario con este título e hoxe quero facervos chegar un sinxelo poema del.


                                                            DO REVÉS

Diante dos vosos ollos,
o Universo, o anti poder infinito, o Ser.
Magnífico espectáculo
non exento dalgunha lóxica
e demasiadas contradicións,
aínda cando non acertemos a comprender
o fenómeno creativo.
Subamos pola escaleira
que leva ao mirador.
Ergámonos sobre o caos
que foi deixando ás nosas costas
“a escuridade da conciencia”. Interroguemos á beleza
sobre os infernos persoais e a tolemia colectiva,
centrémonos nas posibilidades dun cambio radical.
Intentemos recortar
algunhas estrelas do firmamento
para decorar as habitacións,
antes de mergullarnos nas treguas da escuridade
e do soño.
Detrás da súa “urbanización”
agachan o desequilibrio do que sempre nos culpabilizaron.

Convivir ou coexistir
Para que?
Dous mundos e unha estreita raia fronteiriza
para illarnos.
Ocultáronnos por discreción
e prometéronnos un eventual reingreso á sociedade.
O tratamento ao que nos someteron estivo fundamentado na inmoralidade.

Agora que fracasaron no intento
quérennos obrigar a descender
de novo ao túnel dos seus caprichos.
Somos viventes mortos, somos espectros.
Que importancia debemos dar á escuridade
se programaron o noso destino
e o ensombreceron?

Que se disperse este ar contaminado!
Queremos ter outras posibilidades de respirar.

Non nos auto limitaremos aínda que
a hora do augardente fose pisoteada.
A partir de hoxe renegaremos da puntualidade.
O tempo é.
Non pode alongarse ou encollerse
a vontade dos reloxeiros.

Empeñarémonos
en chegar tarde
á maduración admisible da súa enfermidade.


Negaremos
que as camelias amarelas
se senten orgullosas da súa cor,
polo feito
de que as denominen xaponesas.

A rebeldía
faranos pasar frío.
Necesitaremos
calcetíns longos cando nos ingresen
no psiquiátrico,
protexerannos
da terapia electro-convulsiva e dos demais “refinamientos”.

As ordes deben ser desobedecidas
malia a ameaza da aplicación do tratamento.
Reivindicaremos o destempo
como causa precedente
e provocadora
do noso feito.
Negarémonos a fuxir  da contraposición
tolemia-cordura.

Na forma e no fondo empregaremos
unha dialéctica comunicativa
fundamentada na contradición permanente:
Viva> <morte, inglés> <arameo.
Choraremos consoladamente
e as nosas bágoas
achegarémolas ás demandas no xuízo final
se algún día ten que ser.

Riremos co semblante triste,
e as gargalladas non serán escoitables.
A desorde establecida non é unha opción, é a acción.
O maltrato, a tortura e os torturadores
terán o seu cemiterio privado
con dereito de admisión,
pero sen restriccións para os integrantes
do colectivo ''a escuridade da conciencia''.

Utilizaremos luvas
para non deixar rastro
dos sentimentos.
Seremos exclusivos comúns,

vehementes acougados,
depresivos optimistas,
suspicaces reticentes
e medorentos da irracionalidade dos cordos.

A cautela,
a serenidade
e o descontrol,
serán as nosas chaves para facer
escapatorias posibles.
As nosas accións espontáneas serán programadas
sen ningún tipo de escrúpulos.

¡Nada máis importa!
Quen fomos desprovistos
de calquera espazo no tempo,
recluídos ao destempo,
desterrados psicosocialmente,
e culpabilizados de vivir nun mundo ao revés
¡adiante!
¡Que soe en todo o seu esplendor Nothing else matters!

 

Nota.- A dirección do “Sanatorio” ten advertido e deixado constancia no Expediente HST1612012-15P dos acontecementos acaecidos nas nosas instalacións. Con seguridade están asociados a outros similares e da mesma antinatureza denunciados por outros colegas nosos ao longo dos últimos 50 anos. O poema titulado “Do revés” e a cartelería que o acompaña  (… ), debe considerarse como un manifesto-ideario da tolemia e foi distribuído nas nosas instalacións polo grupo autodenominado “A luz da inconsciencia”. No expediente referenciado pódense apreciar as distintas informacións e advertencias que fomos facendo chegar ás autoridades competentes. Ante a escalada e belixerancia pacífica das accións que este grupo vén realizando, cremos que a mellor medida a tomar debe ser a inmediata clausura das instalacións e impedir que o antinatural e espectral prosiga na súa andadura. Esta medida ten como obxectivo principal illar os espectros moradores e, no caso de non ser posible, obrigar a viaxar polo tempo e o espazo a este grupo organizado, o que nos permitiría poñer en marcha a operación “Do dereito”, para de novo conseguir o seu illamento en calquera outro lugar e aniquilalo despois. A rebelión da tolemia sen control debe enfrontarse por estes procedementos para poder seguir mantendo controlada a tolemia normalizada.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.