O líder de Black Label Society, que presenta disco o día 11 en Santiago: "Somos como McDonald's, coherentes"

Zakk Wylde, un dos guitarristas do hard rock máis influentes, asegura que "haberá moito baile, esqueletos e maquillaxe" no concerto

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2018 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

"Somos como McDonald's, simplemente coherentes". Así de contundente se expresa Zakk Wylde (Nova Jersey, 1967), líder da banda estadounidense de heavy metal Black Label Society e un dos musicos de hard rock máis influentes. O próximo día 11 presenta en Santiago o seu novo disco, 'Grimmest Hits'.

Zakk Wylde, líder de Black Label Society, a la izquierda
Zakk Wylde, líder de Black Label Society, a la izquierda | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista con Europa Press, o que fora guitarrista de Ozzy Osbourne en Black Sabbath amósase sempre cun ton bromista, facendo gala da súa fama de 'showman', e promete "moito baile, esqueletos e maquillaxe" no concerto que Black Label Society darán o domingo que vén en Galicia.

Wylde asegura que está "a desexar" a xira que, polo estado, empezará en Vitoria o sábado 10 de marzo (Jimmy Jazz), seguirá en Compostela ao día seguinte (Capitol) e terminará con senllas actuacións en Madrid o martes 13 (Riviera) e Barcelona o mércores 14 (Razzmatazz).

Con 'Grimmest Hits', o seu décimo álbum de estudo, que saíu ao mercado o pasado 19 de xaneiro, este virtuoso da guitarra afirma que gozou "tanto" como cando fixo o primeiro disco con Ozzy. El e o resto de membros de Black Label Society pasárono "xenial", destaca, aínda que, segundo explica, tiveron que gravalo a toda velocidade.

Así, Zakk Wylde, cuestionado por aqueles que ven "máis do mesmo" nos novos temas, responde apelando a todo un símbolo de Estados Unidos: "Si, somos como McDonald's; simplemente coherentes". E é que os seus promotores avisan: "Como AC/DC ou os Rolling Stones, Black Label Society non está aquí para reinventar a roda. Se non está roto, non o arranxes. É unha marca na que se pode confiar", aseveran.

O domingo, Zakk e a súa banda presentarán na sala Capitol novos himnos como 'Room of Nightmares', o blusero 'Seasons of Falter' e o sureño 'The Day That Heaven Had Gone Away'. "Doce pistas imparables para agregar a esa banda sonora de estilo de vida", din.

'ROUTE RESURRECTION FEST'

Black Label Society visitan a península da man de 'Route Resurrection Fest', un ciclo de concertos co que os organizadores do 'Resurrection Fest' de Viveiro (Lugo) levan grandes grupos a distintas localidades do país.

Preguntado por este festival, que alcanza enormes dimensións ao congregar a 80.000 persoas en tres días nun pobo costeiro duns 15.000 habitantes, opina que é "xenial". "O festival sempre é un bo momento. Atópasche con moitos vellos amigos e cousas así", explica. "Tes a oportunidade de tocar e é xenial. Encántanme os festivais", subliña.

Con todo, lamenta que "a maioría das veces non tes a oportunidade de ver moito" dos lugares aos que viaxas "porque chegas á cidade e xusto despois xa estás a facer o espectáculo". Por iso, insiste en que, para el, "trátase máis de ver amigos".

A ETERNA IMAXE DE MOTEIRO

Zakk Wylde montou a súa propia compañía de guitarras e está encantado. Vaille moi ben, segundo sinala na entrevista a Europa Press, e chama a atención sobre o "incrible" que sente nesta situación, que compara con ter a súa propia banda. "É simplemente liberdade", incide.

Ri tamén sobre a súa eterna imaxe de moteiro, ao ironizar con que os membros de Black Label Society darán un xiro á súa estética e empezarán en breve a ir caracterizados de "bailarinas".

E xa por último, acerca de se se discrimina ás mulleres no mundo do heavy metal, indica que non cre que sexa así. "Se as mozas queren tocar hard rock, fano. Non existe ningunha diferenza de cando Janis Joplin tocaba", reflexiona.

ANTERIOR ÁLBUM E CAMBIO DE INTEGRANTES

O anterior álbum de estudo de Black Label Society, 'Catacombs Of The Black Vatican', editouse en 2014. Antes da súa estrea, a banda despediuse do seu guitarrista Nick Catanese, ao que remplazou Dario Lorina.

Así, os integrantes actuais do grupo son Zakk Wylde (voces e guitarra), John DeServio (baixo), Dario Lorina (guitarra) e Jeff Fabb (batería).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta