As secas ameazan a supervivencia do carballo en Galicia

Un estudo do CSIC alerta dos efectos dos cada vez máis habituais episodios de seca sobre os bosques da Península Ibérica. As árbores autóctonas da zona norte, como o carballo en Galicia, mostran máis resistencia ás secas pero menor capacidade de recuperación posterior.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/03/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os bosques autóctonos de Galicia e da franxa norte da Península Ibérica amosan maior resistencia ás secas que os da zona sueste, pero tamén mostran unha menor capacidade de recuperación tras estes episodios. Así o conclúe un estudo liderado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), con financiamento da Xunta de Galicia, no que se detectou que os bosques desenvolven distintas estratexias de adaptación ante os cada vez máis frecuentes e duradeiros períodos de seca extrema.

O Lago Castiñeiras, nas serras do Morrazo, prácticamente baleiro por mor da seca
O Lago Castiñeiras, nas serras do Morrazo, prácticamente baleiro por mor da seca | Fonte: Iago Roel Twitter

Os investigadores concluíron que as árbores das zonas secas do leste e sueste da Península Ibérica responden as secas acelerando a súa recuperación, mentres que as especies de zonas húmidas e tépedas do norte aumentan a súa resistencia durante o período de seca, pero tamén mostran máis dificultades para a súa recuperación posterior.

Especies dominantes dos bosques mediterráneos no semiárido sueste de España como Pinus pinaster e Pinus halepensis —piñeiros— presentan valores más altos de recuperación tras períodos de seca que as especies de bosques tépedos e continentais como o Quercus robur (carballo típico de Galicia), Pinis uncinata, Abies alba e Quercus pyrenaica.

A investigación, que se publica na revista científica Global Change Biology, busca dar resposta á incerteza ante os futuros eventos climáticos extremos, que poñen en risco a persistencia dalgúns bosques en zonas de maior aridez.

Segundo os autores da investigación, o aumento de períodos secos na Península Ibérica e a diversidade de ambientes e especies constitúen unha boa representación dos efectos das secas e as estratexias que poderían desenvolver os bosques europeos no século XXI.

Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, afectado pola seca
Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, afectado pola seca | Fonte: Concello de Ponteareas

O traballo centrouse na resiliencia dos bosques, é dicir, a capacidade destes para regresar ao seu estado orixinal tras a perturbación que supón a seca. Neste sentido, os bosques mediterráneos dominados por distintas especies de piñeiro mostraron unha estratexia de recuperación rápida de crecemento tras as catro maiores secas sufridas entre as décadas de 1980 e 2000: anos 1986, 1994-1995, 1999 e 2005.

Polo contra, os bosques máis húmidos e fríos da franxa norte, onde predominan faias, abetos ou carballos, afrontan as secas extremas cunha estratexia de resistencia. Isto significa que tentan manter a súa capacidade de crecemento durante períodos secos.

En resumo, as árbores das zonas secas do leste e sueste da Península Ibérica responden as secas acelerando a súa recuperación, mentres que as especies de zonas húmidas e tépedas do norte aumentan a súa resistencia durante o período de seca.

"As ximnospermas perennifolias que dominan as áreas semiáridas e propensas á seca mostraron menor resistencia pero recuperación máis rápida que as ximnospermas perennes e as anxiospermas caducifolias que dominan as rexións tépeda e húmida, suxerindo diferentes adaptacións e mecanismos fisiolóxicos para facer fronte á seca", conclúen no estudo os investigadores.

Os prognósticos dos científicos apuntan que "malia a súa capacidade para resistir a seca, os bosques mediterráneos dominados por ximnospermas en áreas secas poderían verse fortemente afectados se as secas se volven máis frecuentes debido ás limitacións no seu potencial de recuperación". "Pola contra", sinalan, "os bosques tépedos e continentais dominados por anxiospermas e ximnospermas nas rexións húmidas poden ter problemas para superar as secas máis intensas, xa que son menos capaces de recuperarse despois delas".

Os investigadores resaltan que os bosques da Península Ibérica son ecosistemas moi vulnerables ante o aumento da frecuencia e a duración das secas. “Analizar a súa resposta a estes eventos extremos supón un reto importante debido aos múltiples niveis de incerteza dos escenarios climáticos prognosticados para o século XXI, e ás diversas respostas de ecosistemas compostos por especies de árbores con diferente capacidade de adaptación, resiliencia ou plasticidade”, indica o coordinador do estudo Jesús Julio Camarero, investigador do CSIC no Instituto Pirenaico de Ecología. 

“Se, tal como indica este traballo, as especies forestais teñen diferentes capacidades de adaptación ao cambio climático, coñecer a súa estratexia fronte a eventos climáticos extremos como as secas é fundamental para evitar futuros procesos de decaemento ou mortalidade en relación ao cambio climático”, comenta o investigador do CSIC Antonio Gazol, tamén do Instituto Pirenaico de Ecología.

Na investigación analizáronse datos de produtividade anual e cobertura forestal a partir de imaxes de satélite, que se compararon con datos de crecemento das árbores nun período comprendido entre 1980 e 2015. Para obter estes datos os investigadores empregaron a dendrocronoloxía, que estuda as árbores observando os aneis de crecemento anual dos seus troncos.

Os investigadores esperan ampliar o estudo a unha escala xeográfica maior. O obxectivo é xerar mapas globais de impactos esperados ante futuras secas e outros eventos climáticos extremos. Polo momento, pretenden ampliar a análise a outros tipos de bosques na conca mediterránea e Europa.

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xian

E eu que pensei que era culpa de Feijoo! !

1 José

Despois de ler a nova, decátome que o seu titular ven dicindo o mesmo que diría este enunciado: "Os meteoritos ameazan a vida na Terra".