Luís Villares quere que En Marea sexa unha soa voz en Galicia e en Madrid

A dirección de En Marea pretende que os seus deputados nas Cortes sigan "os criterios e pautas" que marque o Consello e a coordinadora. Ofrécese a "coordinar" as mareas locais e servir de "paraugas político instrumental" para as eleccións de 2019

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2018 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

En Marea, nos documentos políticos propostos aos seus inscritos para o plenario do próximo sábado 17 de marzo, reivindica que os seus deputados nas Cortes deben seguir "os criterios e pautas" que marque a "dirección nacional" do partido instrumental, é dicir, o Consello das Mareas, a coordinadora nacional e a Portavocía exercida neste momento por Luís Villares; aos que terán que "consultar" e "informar as súas accións" no Congreso dos Deputados.

Luís Villares (En Marea), nunha rolda de prensa no Parlamento
Luís Villares (En Marea), nunha rolda de prensa no Parlamento | Fonte: Europa Press

Así figura nun dos documentos aprobados polo Consello das Mareas, aos que tivo acceso Europa Press, e que serán levados ao plenario do próximo día 17, onde o partido instrumental debaterá sobre o papel da formación nas eleccións locais do próximo ano.

Precisamente este punto é abordado no primeiro dos documentos que foi remitido esta fin de semana aos inscritos, que terán de prazo até o domingo 11 para presentar emendas, que deberán recibir o visto e prace da Comisión do Plenario, que se reunirá o día 12.

Deste xeito, no documento titulado 'En Marea e as eleccións municipais de 2019', a dirección da formación remarca o seu respecto á "autonomía" das mareas locais, xa que considera que a "unidade popular é o único camiño" para conseguir "os obxectivos sociais e políticos" do espazo rupturista.

"En Marea debe ser o espazo que vertebre a suma de esforzos para espallar polo país. [...] En Marea ponse a disposición do espazo político, respectando a autonomía das mareas locais, para favorecer a coordinación e cooperación dos actores do cambio e ser lugar de encontro de todas as que traballamos a favor de recuperar a ilusión desde o municipal", incide.

Os deputados de En Marea no Congreso
Os deputados de En Marea no Congreso

Nesta liña, propón actuar como "paraugas político instrumental" de cara ás eleccións de 2019 en base a un "recoñecemento bidireccional dos ámbitos local e nacional", o que, segundo o documento, "permitirá a visibilización" das mareas municipalistas "como candidaturas do espazo político común de En Marea" coa vista posta en aumentar a súa representación nas deputacións.

Así, ofrécese para realizar tarefas de "coordinación", organización de encontros para favorecer a "participación" e, por último, fomentar "a creación de novas mareas" e exercer un "papel de mediación" para evitar que, como sucedeu en 2015 en algúns concellos, concorran aos comicios diferentes candidaturas que representen "un espazo social, político e electoral que é común".

Así mesmo, tamén expón a posibilidade de crear "grupos de traballo e mareas sectoriais" para a elaboración de "un programa-marco común" que reúna "ideas compartidas que proxecten unha imaxe conxunta de país".

RELACIÓN COS DEPUTADOS NAS CORTES

Outro dos documentos aprobados polo Consello das Mareas fai referencia á relación da dirección nacional do partido instrumental cos deputados no Congreso dos Deputados.

Deste xeito, recoñece que os cinco parlamentarios do Congreso --integrados no grupo confederal de Unidos Podemos "por unha interpretación alevosa" do Regulamento da Cámara que impediu que formasen grupo propio-- foron elixidos nunha candidatura de "coalición electoral" antes do nacemento de En Marea como "partido instrumental de afiliación individual".

Non obstante, remarca que, logo da asemblea fundacional de Vigo no verán de 2016, "as funcións de dirección política" da acción dos deputados de En Marea nas Cortes pasaron a "ser atribuídas" á dirección do partido instrumental, é dicir, o Consello das Mareas, a Coordinadora e a portavocía nacional que recae, nestes momentos, en Luís Villares.

Por tanto, reivindica que os parlamentarios deben exercer como representantes do "suxeito político galego" e non "como simples electos por unha organización de ámbito estatal nas circunscricións electorais galegas".

Así as cousas, establece que os deputados deben "dispor de autonomía" para tomar decisións "de carácter funcional parlamentar" pero que "as cuestións de índole política" teñen que ser marcadas pola "dirección nacional de En Marea", sobre quen recae a responsabilidade de trazar "os criterios e pautas" en tarefas como o desenvolvemento do "proxecto estratéxico" ou o "programa electoral".

"O grupo non poderá decidir pola súa conta nin limitarse a informar á dirección política de En Marea, senón que terá que proceder á consulta previa", remarca, para logo fixar un procedemento de "ligazón" entre os deputados e o Consello das Mareas cuxo incumprimento "poderá suscitar" a apertura dun procedemento de "revogación" da súa acta, un extremo "previsto nos estatutos" do partido instrumental.

"MÍNIMOS COMÚNS DE IDENTIFICACIÓN"

O documento tamén propón "o establecemento duns mínimos comúns de identificación" coas mareas locais "que así o decidan" para "mellorar a visibilidade conxunta e socializar con elas todos os seus recursos materiais, loxísticos, xurídicos e contidos dos que dispón".

Ademais, chama a lograr "modos de cooperación" para "corrixir déficits" existentes en "procesos anteriores", polo que aposta por articular un modelo que permita "conseguir sumar representación nas Deputacións", a pesares de que recoñece que "non son institucións" cuxa existencia defendan pero admite que poden servir como "fonte de recursos", especialmente para concellos pequenos.

Nesta liña, propón que En Marea preste "personalidade xurídica a aquelas mareas que non a teñen aínda", ben porque "son novas" ou porque "foron agrupacións de electores" e agora deciden "acollerse" a esta proposta.

Con todo, apunta que deben "manter espazos de colaboración" con aquelas mareas que "polas razóns que sexan" non queiran adherirse a esta "cobertura electoral" que ofrece a dirección nacional de En Marea e que será definida nun grupo de traballo enfocado a preparar o camiño previo aos comicios de 2019.

En canto ao programa para as deputacións, reivindica que este se elabore respectando "o peso" do municipalismo e "realizando acordos preferentes de ámbito galego, pero que contemplen a importancia dos partidos xudiciais".

Sobre a elección de representantes, propón que se faga "mediante un procedemento transparente e equitativo" a través do "sufraxio universal" entre os concelleiros elixidos por cada partido xudicial.

"PROTOCOLO BIDIRECCIONAL"

Por último, a proposta da dirección de En Marea establece "un protocolo de colaboración" coas mareas municipalistas baseado no "recoñecemento bidireccional". Estes acordos "bilaterais" deberán ser ratificados "por cada marea local" e pola "dirección política de En Marea".

Entre os puntos que establece a dirección do partido instrumental para este "protocolo", figura compartir os principios fundacionais da asemblea de Vigo, basear o funcionamento na "radicalidade democrática", apostar pola "feminización" da política ou compartir Código Ético, entre outros puntos.

Respecto disto último, o documento remarca que debe existir "o compromiso" de que os inscritos participen "de forma individual" nas candidaturas e que a elaboración das listas electorais se leve a cabo a través de primarias que garantan "igualdade, transparencia e pluralidade" deixando a un lado "pactos partidistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Aí Luís dalle que libras

Por querer tamén quererá que lle volva saír melena

1 FRACASO APOTEOSICO

Cada vez que o vexo soiño, tan tan soiño, e que estas so, xuiz villano, onte saia o -vello -Vieiras presidindo o comité da anova (o cenáculo interno) namentras ti estas so, pero como un.ha voz??? enton que esta pasando??? pero si sodes un.ha opereta polifónica da triste zarzuela da paiasesca dos mandriles, estas facendo demasiado o ridículo, ti non es mas que un monifate manexado pola comunista, tes ahí ises heraldos nos mandriles dándose a gran vida, a gran mariscada que estades papando, pero ti en que estas pensando... cada vez que sae explicando o que non ha, porque non tedes... pero e que isto e penoso... supoño do que se trata e de colocar candidatos anovados na cúspide pasando por riba de todos, meter os peores impostores, o xuiz, o ex-senador, o ex-dirixente traidor de CxG, ETC. xuiz villano ti es mais simplon co mecanismo dun axousere