Audiovisual, lingua, muller e país

O audiovisual galego é, certamente,unha industria. Mais unha industria cultural. É dicir, xurde dunha identidade propia, a de sermos galegos. Como dixo a xornalista da TVG Nieves Rodríguez (Mestre Mateo á mellor comunicadora de TV 2018) “se existe un audiovisual galego é grazas ao galego”.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 04/03/2018

Comparte esta noticia
A lingua galega foi máis protagonista na edición do 2018 dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego. O thriller Dhogs, ópera prima do xove director Andrés Goteira, bateu o record das dezaseis edicións desta gala ao quitar trece dos agasallos. Dhogs é a primeira fita en galego seleccionada no medio século de vida do Festival de Cinema Fantastico de Sitges. Mágoa que unha das súas coprodutoras denunciase que “é máis difícil atopar un distribuidor en Galicia para unha longametraxe en galego ca fóra do noso pais”. Mais o produto final amosa que hai unha nova xeración de altísima formación técnica, que asume a lingua propia e facer cinema de xénero con absoluta naturalidade. Hai presente e hai futuro no audiovisual galego.
 
Esta edición estivo sinalada polas continuas apelacións á liberdade de expresión e á igualdade de xénero, nunha gala na que a dirección, presentación e todas as actuacións e entregas de premios foron desenvolvidas por mulleres. Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, defendeu o diálogo como canle de solución dos problemas políticos (en alusión implícita á cuestión catalá) e condenou a censura de obras de arte, o peche de radios comunitarias (en alusión implícita á coruñesa Cuac FM, pechada polo rigorismo da Xunta), a censura de pregóns de entroido e a condena penal de raperos. “As sociedades xustas, libres, honran poetas e bufóns”, dixo Ares.
 
A gala acadou un alto nível reivindicativo, mais sen perder o seu sotaque entretido e lixeiro. Moitos deitaron mensaxes para os políticos e a sociedade: máis mulleres no audiovisual, máis fitas en galego, máis traballo no noso audiovisual, máis investimentos en cultura e artes…Mais tampouco faltaron as mensaxes cara adentro, como a da xornalista da TVG Marga Pazos a respecto das persoas que traballan nos nosos medios públicos, cando lembrou que “traballamos para os gobernados e gobernadas,non para os gobernantes.”.
 
O audiovisual é estratéxico para a nosa cultura e economía. Mágoa que os que gobernan non queiran velo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.