Temas: EMPRESA

A metade dos empresarios considera "regular" o estado da economía galega

Só un 45 por cento cre que a situación é boa e un 53% augura queseguirá igual. Un informe de KPMG e a CEOE apunta que a economía de Galicia "ten un crecemento lixeiramente por debaixo da media española"

Por E.P. | Santiago de Compotela | 05/03/2018 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

O 48% dos empresarios galegos definen como "regular" a situación da economía do país, un 45% como boa e tan só un 7% como mala. Respecto das previsións para 2018, un 53% augura que seguirá igual, un 41% confía en que mellorará e un 5% teme que empeore. Neste sentido, os empresarios piden á Xunta fomentar a innovación e simplificar a administración.

Informe de KPMG sobre opinión de empresarios galegos para 2018
Informe de KPMG sobre opinión de empresarios galegos para 2018 | Fonte: Europa Press

Con todo, o 86% dos empresarios galegos prevé aumentar a súa facturación en 2018, nun ano no que a metade aumentará o seu cadro de persoal, mentres un 33% o manterá, segundo o informe 'Perspectivas España 2018', elaborado por KPMG coa colaboración da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE).

O informe sinala tamén que o 71% dos empresarios galegos contempla máis investimentos, sobre todo en tecnoloxía. Así mesmo, consideran que as melloras de procesos e o desenvolvemento de novos produtos serán as dúas prioridades estratéxicas.

Así mesmo, o 30% dos directivos afirma neste estudo desenvolver plans de continxencia fronte o 'Brexit' (a saída do Reino Unido da Unión Europea).

CAUTELA EN GALICIA

Segundo recolle o informe, a economía de Galicia "ten un crecemento sostido, aínda que lixeiramente por debaixo da media española". "E iso nótase no sentimento empresarial que, aínda sendo positivo, hai que engadirlle a palabra cautela para describilo con máis precisión", sinala.

Un dos maiores retos que se apunta é a atracción de talento cualificado. E é que o 66% dos directivos en Galicia asegura que no último ano tivo dificultades para contratar persoal coas habilidades adecuadas para a súa empresa.

Así, Galicia non figura entre as comunidades autónomas máis optimistas pero tampouco entre as máis pesimistas. Na súa opinión, as principais ameazas para a economía española son a incerteza política (apuntada polo 76% dos enquisados) e as tensións xeopolíticas (45%).

En Galicia, a internacionalización é considerada unha cuestión chave: un 47% dos directivos consultados planea aumentala nos próximos 12 meses; outro 36% prevé mantela igual e ningún di que a reducirá. Estas cifras fan que figure como a cuarta comunidade autónoma que máis espera elevar os seus investimentos no exterior.

Temas: EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta