Ponse en marcha o Portal da Transparencia dos concellos galegos

Polo momento, foron só 35 as entidades locais que deron o paso para formar parte desta iniciativa que realizaron conxuntamente a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a FEGAMP.

Por E.P. | VIGO | 05/03/2018 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) asinaron un convenio de cooperación para a posta en marcha do Portal de Transparencia dos concellos galegos, que empeza a funcionar este luns, a través da páxina web eidolocal.gal.

Nace o Portal de Transparencia dos concellos galegos
Nace o Portal de Transparencia dos concellos galegos | Fonte: Europa Press

Trátase dunha "ferramenta" que, como explicou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, permitirá "concentrar nun único acceso" a información de tódolos concellos, en cumprimento da normativa sobre transparencia. "Os cidadáns son os principais destinatarios deste portal", sinalou, e apuntou que os galegos poden coñecer información que lles afecta como administrados.

Así, os concellos que desexen estar presentes neste portal (achegando a información pública sometida a normativa de transparencia ou enlazando aí os seus propios portais) deben solicitalo á Xunta de Galicia para que se tramite. Polo momento, foron 35 as entidades locais que deron o paso para formar parte desta iniciativa.

Ademais da información propia de cada concello, o portal publica normativa e documentación sobre transparencia, recomendacións de organismos nacionais e internacionais, resolucións, criterios xurisprudenciais, un apartado para suxestións e propostas, e unha miniguía explicativa sobre o seu funcionamento.

A codirectora da Rede Localis, Concepción Campos, presentou a Guía de Transparencia Local, e subliñou que é unha "ferramenta" útil tanto para os cidadáns como para os responsables políticos e os xestores de transparencia das entidades locais. "Dáse un paso máis no plano de goberno aberto municipal", indicou Campos, quen subliñou que este portal e esta guía de transparencia son un "paso pioneiro", posto que parten da colaboración entre a administración autonómica, a Universidade e os propios concellos.

"ESFORZO" POLA TRANSPARENCIA

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo L.García Rodríguez, sinalou que este portal responde a unha "necesidade" non só por imperativo legal, senón porque hai "demanda cidadá de que os concellos sexan transparentes".

Nese sentido, destacou o "esforzo" das entidades locais por satisfacer esta demanda, pero admitiu que os concellos necesitan "axuda" nese ámbito. Por iso saudou a posta en marcha deste portal, "sinxelo, claro, intuitivo", que pon á administración local "no bo camiño".

Mentres, o reitor da UVigo, Salustiano Mato, destacou que a colaboración para a posta en marcha desta iniciativa é un bo exemplo de que a Universidade debe transferir o seu coñecemento non só á sociedade e ás empresas, senón tamén á administración pública. "Así se conseguen boas políticas públicas", aseverou.

Finalmente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que hai "vontade" de "sacarlle potencialidade" a esta nova ferramenta para impulsar a transparencia, e puxo como exemplo o propio portal de transparencia do goberno galego, que "leva xa 170.000 accesos" e "centos de peticións de cidadáns". "Iso é bo, porque a transparencia é confianza", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta