Temas: MONFORTE FEIRA

Monforte reforza a promoción da XVI Feira Medieval

O concello intensificará a difusión do evento á espera de que a Xunta de Galicia resolva a solicitude para ser declarada de Interese Turístico e celebrarase o 31 de marzo e 1 de abril.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 06/03/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Alcalde, José Tomé, deu a coñecer a campaña promocional da décimo sexta edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 31 de marzo e 1 de abril. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga.

Presentación do cartel anunciador. Fonte: Concello de Monforte
Presentación do cartel anunciador. Fonte: Concello de Monforte

O mandatario local incidiu en que este ano a campaña de difusión da Feira será moito máis intensa que en anos anteriores. Empezouse a programala con moito tempo de antelación, concretamente dende o derradeiro trimestre do pasado ano para intensificar entrado este ano os preparativos e pequenos detalles. Lembrou así mesmo que a Xunta aínda non deu resposta á solicitude para que o evento sexa declarado de Interese Turístico entendendo que para este ano será difícil que chegue tal recoñecemento.

Por outra parte, o rexedor indicou que “este ano máis dun cento de postos, en concreto, 161, solicitaron xa participar neste evento. Esta é a cifra máis alta dende que se celebra a Feira; un dato que demostra como este acontecemento se consolida cada vez máis” e adiantou que “nesta décimo sexta edición aumentamos o espazo que vai ocupar a Feira Medieval. A maiores das localizacións do pasado ano, ocuparemos tamén a praza das Clarisas e o Campo de San Antonio”.

Vídeo e cartel para a promoción da Feira Medieval

A monfortina Amanita Films presentou, da man do produtor Iván Patiño, o traballo audiovisual que servirá para promocionar a Feira Medieval. Un vídeo de gran calidade, cargado de épica e cunha gran banda sonora que se realizou a partir de imaxes filmadas na edición do ano pasado.

Cartel anunciador.
Cartel anunciador.

O vídeo promocional difundirase a través do mupi do Cardeal, do facebook do Concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En canto ao cartel, o autor é Xosé Quiroga, un vello coñecido por estes encargos na cidade do Cabe. Unha das novidades deste ano é que a imaxe central é unha muller; Tomé apuntou que “dende o propio concello solicitámoslle expresamente ao deseñador que empregase este elemento. Ademais, mantemos outros aspectos que son identificativos de Monforte, como é o caso da Torre da Homenaxe e da Tau, que foi o noso escudo durante moito tempo”.

Máis publicidade

A previsión para esta edición é facer insercións publicitarias tanto en medios locais como provinciais e autonómicos, tanto nos xornais como nas emisoras.

José Tomé explicou que se repartirán carteis por todos os establecementos de Monforte, por toda a comarca e tamén nas principais cidades de Galicia.  A maiores, encargáronse unhas bandeirolas para pendurar nas farolas de Chantada e de Sober, aproveitando a celebración das súas respectivas Feiras do Viño, dous eventos con afluencia masiva de visitantes.

Temas: MONFORTE FEIRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

A casa pola ventá este ano?