Temas: ABORTO SANIDADE

Abogados Cristianos denuncia clínicas galegas de aborto por "violar a lei"

A asociación acusa a dous centros da Coruña e Vigo de "dar información falsa nas súas webs para incitar ás mulleres ao aborto". As clínicas aludidas defenden a legalidade dos seus procesos e din que "non incitan, nin obrigan" a nada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2018 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Asociación Española de Abogados Cristianos denunciou a dúas clínicas de aborto galegas, situadas na Coruña e Vigo, "por violar a lexislación sanitaria tanto estatal como autonómica", mentres que as dúas entidades defenden a súa legalidade.

Carteis contra o aborto que o Concello de Ferrol mandou retirar
Carteis contra o aborto que o Concello de Ferrol mandou retirar

A demanda, explica a Asociación Abogados Cristianos nun comunicado de prensa, foi interposta ante a Consellería de Sanidade da Xunta "dentro dunha macro acción contra unha vintena de centros de todo o país". Esta enttidade acusa, en concreto, ás clínicas Arce e Castrelos "de dar información falsa nas súas webs para incitar ás mulleres ao aborto en prexuízo da súa propia saúde".

Nun comunicado de prensa, a presidenta de Abogados Cristianos, Polonia Castellanos, asegura que "as clínicas demandadas poderían estar a cometer incluso un delito de estafa ao utilizar o engano para o seu beneficio económico". Respecto diso, sostén que estes centros "negan publicamente as posibles secuelas do aborto" cando "a Xustiza recoñeceu indemnizacións, nalgúns casos millonarias, a algunhas dos seus doentes polos danos irreversibles provocados pola devandita intervención", apostila.

Así mesmo, destaca que, "precisamente, en Galicia hai varias sentenzas condenatorias polas importantes secuelas causadas a mulleres após someterse a abortos voluntarios en centros concertados coa sanidade pública da comunidade".

Polonia Castellanos tacha de "inaceptable" o feito de que "as mesmas clínicas que negan publicamente as secuelas do aborto teñen a obrigación legal de entregar un consentimento informado aos seus pacientes que detalla todos os posibles danos que pode provocar esta práctica". Así, insiste en que "negar as secuelas do aborto vai en contra da propia literatura científica".

LEGALIDADE

Fronte a esta denuncia, en declaracións a Europa Press fontes da clínica Arce, radicada na Coruña, defenderon que "todo" o que fan nas súas instalacións "é legal absolutamente". Após matizar que non teñen "ningunha constancia legal" desta denuncia, as mesmas fontes recalcaron que o centro é "absolutamente legal en Galicia".

Pola súa banda, fontes da clínica Castrelos, situada en Vigo e que contaba cun concerto coa Consellería de Sanidade, defenderon tamén a súa legalidade e traballo. "Non incitamos a nada, só facilitamos os nosos servizos", destacaron fontes da clínica Castrelos, que defenden a súa legalidade e consideran que esta denuncia, por tanto, "non terá ningún percorrido". "Non obrigamos, nin incitamos", abundaron para subliñar que levan "moitos anos" de traballo e contan con "controis exhaustivos".

Pola súa banda, fontes da Consellería de Sanidade aseguraron que "hai anos" que xa non contan con concerto coa clínica viguesa Castrelos e lembrou que este tipo de instalacións "teñen que seguir a lei" vixente.

Temas: ABORTO SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ruben Gómez

Sempre estamos co mesmo debate, considero que cadaquen pode facer o que queira co seu corpo. Menos abogados, más información e axudas.