Os alcaldes do PSdeG repetirán como candidatos nas municipais

O secretario de organización estatal asegura que estes comicios "serán moi importantes" para iniciar a "senda de progreso" que busca o PSOE. Gonzalo Caballero, líder dos socialistas galegos, di que o partido traballa en recuperar "músculo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2018 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia apoiará que todos os seus rexedores repitan como candidatos ás alcaldías nas próximas eleccións municipais, cita na que xa traballa para recuperar "músculo" e "forza política". Así o explicou este martes o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto co responsable de Organización do PSOE a nivel estatal, José Luís Ábalos. En concreto, o número dous do partido visitou Galicia para manter diversas reunións coa dirección galega e impulsar o proceso de eleccións locais.

José Luís Ábalos e Gonzalo Caballero na rolda de prensa
José Luís Ábalos e Gonzalo Caballero na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Na súa intervención, Caballero destacou que as direccións federal e galega teñen unha "plena sintonía" na "orientación do proceso municipal". "A dirección federal trasladounos o contido do regulamento aprobado no comité federal de hai un mes e, a partir de aí, orientamos as distintas posicións fundamentais", explicou.

Deste xeito, avanzou, o Partido Socialista de Galicia establecerá distintos procesos de elección para, primeiro escoller os candidatos e despois as candidaturas segundo o número de poboación dos concellos. Así, marcará procesos diferenciados para os de menos de 20.000, para os que teñen entre 20.000 e 50.000, así como para os de máis de 50.000 habitantes.

Así mesmo, conforme sinalou Ábalos, no caso das localidades de máis de 50.000 habitantes, o PSOE estatal establecerá acordos coas direccións territorios para elaborar un calendario propio en cada zona.

Ademais, aínda que non precisou datas concretas, o responsable de Organización do PSOE sinalou que a "idea" é que os candidatos nestas grandes urbes estean elixidos "canto antes". "Despois, o resto de candidaturas pode facerse posteriormente", indicou.

PRIMEIRO EXAME

Preguntado sobre se esta cita coas urnas suporá o primeiro exame da nova dirección do PSOE tanto en Galicia como en España, Ábalos asegurou que "sen dúbida" xa que, ademais, no caso galego, "non haberá eleccións autonómicas" o próximo ano.

"Por iso, teremos dúas convocatorias seguras, certas, con independencia de como vaia o goberno da nación, as municipais e as europeas", manifestou para sinalar que "é evidente que serán moi importantes" para "iniciar a senda do progreso" que o PSOE quere abrir.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero destacou que o PSdeG está nas "condicións adecuadas" para "encarar" as próximas municipais "con forza, con impulso e coa capacidade de ser alternativa fronte a outros gobernos municipais que non funcionan".

SUPERÁVIT

O líder do PSdeG aproveitou a súa intervención para avanzar, ademais, que os socialistas presentarán mocións en todos os municipios galegos para instar o Ministerio de Facenda a desenvolver con "a maior axilidade posible" o acordo alcanzado co presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, posibilitar aos concellos que poidan usar os seus remanentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta