Guerrear en tres frentes

Un dos meus vicios confesables é a afección, que ven de moitos anos atrás, pola literatura militar, tanto de carácter estratéxico como histórico. Estes dias ando con “ 1914-1918. Historia de la Primera Guerra Mundial ”, do profesor da London School of Economic and Political Science, David Stevenson, libro escollido non porque se conmemore o centenario do remate desa guerra, senón porque logo de ter a oportunidade de visitar unha exposición sobre a intervención neocelandesa na batalla de Gallipoli, o ANZAC, entráronme ganas de profundar nun período da historia mundial descoñecido para min e cuxos feitos aterradores foron o preludio doutros, que apenas dúas décadas despois, os superaron con creces.

Por Emilio Martinez | Lugo | 09/03/2018

Comparte esta noticia
Destas lecturas tan pouco pacíficas vou tirando algunhas ensinanzas. Unha delas é a dificultade de vencer en guerras que se desenvolven en dous escenarios distintos, e mais cando os frentes distan de si moitos quilómetros. A Historia bríndanos non poucos exemplos, entre eles as derrotas alemáns na I e da II Guerra Mundial. A lóxica é doada de entender: dous frentes obrigan a dividir as forzas e moitas veces a loitar con lóxicas diferentes de combate, o que incrementa as dificultades.
 
Aínda que tirada a ensinanza da historia de guerras e batallas, tamén é válida para o mundo da política, outra forma de guerra.
 
Teño para min que algúns dos grandes problemas que terá que superar a esquerda nos tempos próximos, se quere ser unha real opción de goberno, teñen que ver con loitar non xa en dous frentes, senón en tres.
 
Hoxe a esquerda, na que inclúo tanto ao BNG como a Podemos, tanto ao PSOE como ás Mareas, teñen aberto o frente que podemos considerar tradicional, aquel que dalgún xeito constitúe a súa esencia: a rivalidade política co PP, ao que hoxe se une Cidadáns. A vitoria, neste ámbito da loita política, moitos pensamos que debería ser o obxectivo que articulara as estratexias de todas as partes da esquerda. Pero a realidade é outra, como xa nalgún momento, nalgunha outra colaboración, temos recollido
 
As partes da esquerda teñen un segundo frente, que non é outro que a loita, dentro do campo ideolóxico progresista, por consolidar o seu espazo político-electoral partidario. Unha parte, que eu considero moi grande, dos esforzos, dos recursos, dedícase non a combater ás políticas da dereita nova ou da dereita vella, senón a marcar o territorio. A loita xa non é ampliar o espazo da esquerda, senón repartirse ese mesmo espazo.
 
E aínda nos queda un terceiro escenario, que acaba por desangrar ás organizacións que defende un cambio na política, ante o aplauso afervoado de quenes apostan por non cambiar nada, salvo tal vez os colares...: o frente interno. Hoxe abundan as loitas no interior das organizacións da esquerda. A situación no PSOE é calamitosa, con exemplos de vendetas alí onde mires aquela frase famosa de que quen se mova non sae na foto é unha realidade que moitos militantes sofren nas súas carnes, a valía persoal non conta case nada, si no seu momento non apoiou á candidatura vencedora. Outro tanto pódese dicir de Podemos, onde un pode pensar o que quera sempre que pense como o “xefe”, baixo pena de caer en desgraza e ser reducido á irrelevancia.
 
No caso de En Marea e inmediacións, as declaracións fai uns días do portavoz de Lugonovo, Vítor Álvarez eran elocuentes: “Algúns queren dividir onde xa non se pode dividir”. O acoso por parte de diferentes faccións, en tantas outras cousas discordantes, a Luis Villares dende xa pouco despois das eleccións autonómicas, é paradigmático da incapacidade que moitos e moitas para elaborar proxectos a longo prazo, demostración da incapacidade de traballar no día a día construíndo unha alternativa. 
 
E ata dentro do BNG, a quen creíamos monolítico nos plantexamentos logo do abandono dos últimos que podían defender posicións discordantes, agroman as discrepancias, esta vez xeracionais. Aínda que supoñemos que se resolveran coa contundencia que sexa precisa.
 
Mal van as esquerdas, e mal vamos os que nelas nos sentimos representados, ou que delas necesitamos, si cada discrepancia empeñámonos en convertela nun conflito irresoluble.  Mal imos si somos incapaces de ver onde están os verdadeiros rivais, que, convén recordar, non son aqueles aos que temos mais cerca. Non hai unha fórmula que nos asegure o éxito, nin en política nin nas batallas que describen os libros que leo. Pero hai moitas formas de fracasar, e algunhas delas parece que son as que nos empeñamos unha e outra vez en poñer en práctica, por exemplo confundirnos de enemigos (como repetía un compañeiro na facultade de Económicas tantas e tantas veces).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Santa Uxia de Riveira, 1965) foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento entre os anos 1998 e 2005. Profesionalmente estivo ligado á xestión de innovación na Universidade de Santiago de Compostela e foi director xerente da S. A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, entre 2006 e 2009. Na actualidade é vicexerente de Recursos Humanos na Universidade de Vigo. Como consultor ten participado na avaliación do I Plan Galego de Cooperación ao Desenvolvemento así como na identificación e formulación de distintos proxectos de cooperación. Ten publicado distintos artigos sobre esta materia en revistas como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior”, “Revista Galega de Emprego”.