A interminable espera por unha operación para non quedar en cadeira de rodas

A Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública denuncia o caso dunha muller de Ferrol que leva máis de dous anos en listas de espera e á que se lle diagnosticou a enfermidade de Arnold-Chiari e siringomielía.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 08/03/2018 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública vén de denunciar a "historia estremecedora" dunha muller de Ferrol, Belén Paleo, que leva máis de dous anos agardando ser operada.

Belén Paleo, paciente que espera unha operación.
Belén Paleo, paciente que espera unha operación.

Segundo a denunciante, tras máis de dous anos de listas de espera, probas e consultas, lle foron diagnosticadas a enfermidade de Arnold-Chiari —anomalía cerebral que afecta o cerebelo— e siringomielía —trastorno polo que se forma un quiste dentro da medula espiñal.

En todo este tempo, contan a doente e a Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública, a enfermidade foi evolucionando e facéndose cada día máis sintomática: fortes dores de cabeza, alteracións do equilibrio, perda de sensibilidade e parálise dos membros do tórax… que poden mesmo deixala  nunha cadeira de rodas, sendo a única solución a intervención cirúrxica.

Para iso foi remitida hai un ano o neurocirurxián do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), encargado destes casos, desde o que se lle solicitaron á paciente dúas probas urxentes, pero que se demoraron por ter sido remitida á súa área, Ferrol, para facelas.

Unha vez confirmado o diagnóstico, explican os denunciantes, atopouse con que "o neurocirurxián que ten que operala está de baixa e o neurólogo ao que foi remitida para tentar aliviar os síntomas díxolle que non pode facer nada e que xa debería ter sido operada, que pode ter secuelas difíciles de recuperar, remitíndoa de novo ao xerente e aos neurocirurxiáns".

A pesar das múltiples reclamacións presentadas, tanto na Consellería, como en Atención ao Paciente, na Valedora do Pobo e mesmo na xerencia,  Belén Paleo atópase nunha "situación desesperada" e "sen visos dunha pronta resolución, comprometendo a súa calidade de vida", alértase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta