O seguimento dos paros en Galicia foi "masivo"

As mulleres visibilizan as súas reivindicacións sobre todo en grandes empresas e administracións públicas nunha xornada sen incidentes. As forzas sindicais consideran un éxito as mobilizacións parciais aínda que o seguemento de 24 horas non foi tan alto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2018 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Os paros parciais convocados nos centros de traballo polo Día Internacional da Muller, a favor da igualade real e contra a fenda laboral, tiveron un seguimento "masivo" en Galicia, segundo as valoracións que fan os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG, que o elevan a "éxito". Foron menos as mulleres que secundaron a folga de 24 horas, segundo admite a CNT, que, xunto a CXT e, en Galicia, Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación de Galicia, convocaban o paro xeral durante todo o día.

Paraugas nas mobilizacións do 8M en Santiago
Paraugas nas mobilizacións do 8M en Santiago | Fonte: Europa Press

As mulleres visibilizaron en toda Galicia as súas reivindicacións desta xornada que foi cualificada de "histórica". O seguimento transcorreu sen incidentes sobre todo en grandes empresas e administracións públicas, pero tamén mediante unha folga de consumo e de coidados e tamén na educación. Pola súa banda, a Xunta cifrou nun 17,84% o seguimento da folga na administración xeral e nas entidades instrumentais. Participaron nela, segundo os seus datos, 2.427 persoas dun total de 18.056.

"ÉXITO"

Por unha banda, UXT e CC.OO. congratúlanse do "éxito" da folga e piden ademais unha participación "masiva" na última quenda e nas manifestacións. O seguimento foi "masivo", cun apoio "maioritario", segundo indican, "especialmente" en grandes empresas e administracións públicas, na que cualifican de xornada "histórica" que marcará, din, "un antes e un despois".

Pola súa banda, a CIG destaca que mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras e tamén as xubiladas, as estudantes, as desempregadas e aquelas "que traballan arreo pero non teñen unha remuneración" tamén se uníron ás reivindicacións. Desta maneira veu "demostrada" a capacidade de mobilización das mulleres, que sitúa a Galicia "no mapa mundial do paro internacional de mulleres", e afirma que "se elas paran, o mundo para".

FOLGA 24 HORAS

Pola súa banda, a CNT, que apostaba pola folga de 24 horas, fala dun seguimento "moi alto" tanto no consumo como no ámbito laboral, aínda que acusa de "boicot" aos sindicatos maioritarios por convocar os paros parciais, que tacha de "fraude" e, admite, fixeron "dano". Tamén a CUT avogaba pola folga xeral e valora os resultados, incidindo en que "hai que cambiar os parámetros" e non se pode falar, segundo argumenta, de porcentaxes de seguimento.

SECTOR PÚBLICO

En concreto na administración xeral, segundo Vicepresidencia da Xunta, o seguimento da folga foi do 16,99%, mentres que nos distintos entes situouse nun 19,93%. Asegura o departamento de Alfonso Rueda que se cumpriron ao 100% os servizos mínimos, que se fixaron en 2.102 persoas. Ademais, rexistráronse 2.348 ausencias xustificadas. Por delegacións territoriais, os números do Goberno son os seguintes: 16,49% de seguimento na Coruña; 11,73% en Lugo; 13,63% en Ourense; e 23,32% en Pontevedra e Vigo.

Xa por último, nos centros sanitarios, a participación na folga, segundo a Xunta, ascendeu a un 16,83% do persoal, é dicir, 1.628 dun total de 18.061. Os servizos mínimos eran de 6.484 persoas, cumpridos tamén ao 100% e con 1.902 ausencias justificadas.

Pola súa banda, a CIG apuntou que no sector público houbo un seguimento do 100% do paro parcial na oficina de emprego de O Calvario. Este sindicato tamén apunta que a folga  tivo "mesmo máis" respaldo que en anteriores convocatorias nos complexos administrativos de San Caetano e de San Lázaro.

En Pontevedra tivo tamén "moi boa" acollida, segundo a central nacionalista, no edificio administrativo da Xunta e tamén nos da administración do Estado, a local e a Deputación provincial. En sanidade, asegura que "se fixeron notar" en centros de saúde e hospitais "a pesar dos excesivos servizos mínimos que, no caso do Clínico, incluíron ao persoal contratado para peonadas en quirófano pola tarde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Realidade virtual

A pseudofolga foi un fracaso. Nesa foto non hai nin mil paraugas. A manifestación foi masiva pola tonelaxe media das manifestantes, non por outra cousa.

1 Retrógrados

Algúns retrógrados confundides a realidade cos vosos desexos. E xa depaso aproveitas para colocar un comentario machista. Coitados de vós.

2 Realidade virtual

De comentario machista, nada; feito estatístico. Éche o que ten o estilo de vida a base de phoskitos, sofá e Sálvame. E fantas, moitas fantas.