Alerta por temporal de nivel laranxa en toda a costa

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro e de vento que afectará a toda a comunidade galega a partir desta noite.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2018 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro e de vento que afectará a toda a comunidade galega a partir desta noite. A Xunta insta á suspensión de todas as competicións deportivas ao aire libre na tarde do sábado nas provincias da Coruña e Pontevedra. Tamén recomenda non bañarse nin practicar deportes acuáticos ou náuticos. Aconsella igualmente a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

Refachos de vento
Refachos de vento | Fonte: Europa Press

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, espéranse nas primeiras horas do sábado ventos do sur-suroeste con refachos que poden alcanzar os 120 quilómetros por hora e que afectarán o noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña e ás Rías Baixas e interiorda provincia de Pontevedra.

A partir da madrugada do domingo estenderase á Mariña de Lugo, interior da provincia da Coruña e á zona do Miño, na provincia de Pontevedra. No resto da comunidade haberá alerta amarela por vento con refachos de até 90 quilómetros por hora. Ademais, espérase na tarde deste sábado alerta amarela por choivas no suroeste da provincia da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra, con precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros. O episodio prolongarase o domingo con acumulacións que poden alcanzar os 180 litros entre os dous días.

A coincidencia xeográfica deste fenómeno con outros por tormentas e costeiros pode provocar inundacións puntuais en zonas de Pontevedrae no suroeste e oeste da Coruña. A Xunta recomenda evitar os desprazamentos, en todo caso, antes de coller o coche, consultar o estado das estradas. Lembra que co vento o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e ramas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación.

Tamén insta a non empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores, afastarse de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que sexan susceptibles de desprazarse co vento. Avoga por retirar das xanelas, dos balcóns e dos tellados calquera obxecto que poida caer á rúa. E lembra que o efecto de arrastre das choivas pode provocar o desprendemento de terra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta