A Xunta abre a posibilidade dun aumento salarial en 2018 para os funcionarios de Xustiza

A negociación continúa e os sindicatos ven insuficiente a proposta, cando xa se supera o mes de folga, que se mantén "cun alto" seguimento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2018 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

A nova oferta da Xunta aos sindicatos de Xustiza, a segunda da xornada, abre a porta a que os funcionarios do sector xudicial galego poidan ter aumento salarial en 2018. Tamén eleva as contías en relación á última suba que a Administración puxo sobre a mesa hai 20 días.

Protesta funcionarios xustiza
Protesta funcionarios xustiza | Fonte: Europa Press

A nova proposta contemplaría unha suba no complemento autonómico transitorio (CAT) de 118,7 euros ao mes para o corpo de xestión; 97,1 euros máis para tramitadores; e 93,6 para os auxilios. O incremento para os forenses do Imelga sería de 125 euros ao mes.

Ao multiplicar esta cantidade por 12 pagas, a suba anual quedaría entre 1.123,2 euros no caso do corpo de auxilio; 1.165,2 euros máis para os tramitadores; e 1.424,4 euros máis para os xestores. Falta por concretar que cantidade deste total poderían percibir neste ano, e como se iría completando en próximas anualidades.

Deste xeito, en relación á última oferta, a Xunta pon 28,7 euros máis para o corpo de xestores; 21,1 euros máis para os tramitadores; e 25,6 euros máis para os auxilios. Os sindicatos fixeron unha contraoferta, xa que consideran insuficiente a formulación da Xunta e continúan as negociacións.

Este venres as negociacións cambiaron de escenario, xa que se desenvolven no Complexo Administrativo de San Caetano e non na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Ademais, á delegación negociadora da Xunta sumouse a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, Beatriz Cuíña.

TÁBOA E MATICES

Segundo a táboa salarial que o comité de folga difundiu en febreiro (na que están as 12 comunidades con competencia transferida e o 'territorio Ministerio'), a nova oferta situaría a suma do CAT e a produtividade para xestión en 564,09 euros (o que os poría de sétimos, por detrás de Andalucía); os tramitadores, en cuarto posto (542,5 euros); e os auxilios tamén en cuarto posto (ao redor de 539 euros).

En todo caso, fontes sindicais inciden en que, ademais da táboa salarial, hai que ter en conta o impacto económico dun mes de folga nos salarios dos traballadores, que non se percibiría todo o incremento en 2018, e que hai negociacións xa pechadas noutros territorios que variaron esta táboa.

Por exemplo, a Comunidade de Madrid, en 2019, terá un incremento de 30 euros máis, e hai outras comunidades como Asturias que tamén subirá nesa táboa, mentres outros territorios están en negociación.

SEGUIMENTO DA FOLGA

Entre tanto, a folga, que arrincou o pasado 7 de febreiro, supera xa o mes e continúa cun seguimento "moi alto", por encima do 80 por cento, segundo os sindicatos, o que se traduce en que xulgados e rexistros civís continúan paralizados.

Pola súa banda, a Xunta sitúa o seguimento neste venres no 38,25 por cento. É dicir, foron á folga unhas 1.042 persoas duns 2.700 traballadores do sector xudicial autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta