Apoio do comité da CRTVG e da Asociación de Actores e Actrices a Iria Pinheiro tras denunciar acoso sexual

Os representantes dos traballadores da canle pública e da AAAG prestan apoio moral e legal á actriz, que denunciou o director do programa 'Con amor e compañía', de Ficción Producciones.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/03/2018 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros da CRTVG manifestou publicamente a súa "mais absoluta repulsa e condena dos gravísimos feitos" denunciados pola actriz Iria Pinheiro contra o director do programa 'Con amor e compañía', José Luís Viñas Horta, por acoso sexual. Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, amosa o seu "total apoio" á actriz, que presentou unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela.

Iria Pinheiro.
Iria Pinheiro.

A representación legal dos traballadores da CRTVG expresou a súa "solidariedade e apoio" á actriz acosada e ponse "á súa disposición para todo o que precise".

Con todo, e seguindo o mesmo argumento que a dirección da compañía pública, o comité subliña que 'Con amor é compañía'” non é unha produción propia de Televisión de Galicia, senón contratada a unha produtora externa, Ficción Producciones. Porén, o comité si cre que "Televisión de Galicia ten toda a responsabilidade moral e debe adoptar as medidas necesarias para proceder ao cese inmediato do director do programa, así como para impedir que no futuro esta persoa poida voltar a prestar servizos para a radio ou a televisión públicas de Galicia".

O comité tamén solicita á dirección da CRTVG que garanta que no futuro non se repitan feitos como este, para o cal "ten que asegurar que existan producións delegadas reais e efectivas, tantas veces reclamadas por esta representación sindical, que vixilen que as producións externas cumpran coa legalidade e cos principios inspiradores dos medios públicos de Galicia, nomeadamente o respeto á dignidade humana, a igualdade entre homes e mulleres, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista", expoñen.

FEITOS DE "EXTREMA GRAVIDADE"

Tamén a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, amosou o seu "total apoio" á actriz e asociada Iria Pinheiro, que padeceu unha situación "denigrante e noxenta".

A AAAG considera os feitos denunciados de "extrema gravidade", ademais de "deplorables e completamente intolerables", polo que os condena "de forma enérxica" e préstase a brindarlle apoio legal a Pinheiro.

Neste caso, a AAAG puxo a súa disposición no momento solicitado o asesoramento legal necesario e "as persoas implicadas gardaron estrita confidencialidade ao respecto tanto da situación vivida coma das conversas que mantidas no contexto do asesoramento legal entre a nosa asociada coa letrada; unha confidencialidade que se perserva até que Pinheiro decidiu presentar formalmente esta denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio", explican.

DENUNCIA

Na súa denuncia, revelada por Sermos, a actriz describe unha situación continuada de acoso por parte de José Luís Viñas Horta. Pinheiro relata a situación vivida durante os tres meses de 2017 que traballou no programa 'Con amor e compañía' producido por Ficción Producciones para a TVG , con constantes “tocamentos, insinuacións e humillacións públicas” do director do programa que lle provocaron un “cadro de ansiedade”. 

Segundo a actriz, Viñas Horta chegoulle a dicir cousas como “non quero que escondas as túas curvas na televisión”, cando realizaba as probas de vestiario para interpretar a María Pita “con saia longa, corpiño e camisa; vestimenta do século XVI”. O home “meteu a man dentro da camisa e baixouma ata o medio dos peitos indicando: quéroa ata aquí”, describe a actriz.        

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Lois G.

Que o Comité pida o cese do director do programa cando xa vai un ano que non se emite di moito do pouco que lles importa o tema.

2 Xurxo

É José Luís Viñas Orta (sem "h").

1 Home indignado

Ao tipo, capalo.