Feijóo en "Salvados"

A recente entrevista de Jordi Evole a Núñez Feijoo suscitou reaccións bastante previsíbeis nos ámbitos político e mediático.Convén, para non enganarse, partir dunha consideración indiscutíbel:a entrevista tivo lugar porque o actual presidente da Xunta quixo pasar por ese test.Sabía que era unha cita incómoda, sen a benevolencia habitual que adoita gozar nos seus encontros xornalísticos, pero necesitaba demostrar -dentro e fóra do PP- que é capaz de sortear con éxito ese tipo de retos.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/03/2018

Comparte esta noticia
Ao visitar “Salvados” estaba a certificar que a súa particular campaña sucesoria xa está en marcha.Se a prioridade fose reforzar a súa imaxe na política galega, o intercambio con Evole nin era necesario nin tampouco recomendábel.Asumir erros na loita contra os incendios ou nas súas relacións con persoeiros vinculados ao mundo do contrabando de tabaco -e logo do narcotráfico- é unha peaxe necesaria pensando na súa carreira política estatal pero non ten moito sentido cando non os asumiu nas comparecencias realizadas no Parlamento galego. Alberto Núñez explicitou un misterioso prazo dun ano para presentar con maior enfase formal as súas credenciais para a substitución de Rajoy.Resulta curioso ese horizonte temporal porque ninguén coñece de certo os plans do actual inquilino da Moncloa.Ou estaba falado entre ambos ou o potencial candidato cometeu unha imprudencia que lle pode orixinar custos imprevistos. 
 
Ao longo da entrevista foi inevitábel comentar a situación de Cataluña.Nese apartado, Feijoo fixo unha afirmación sorprendente:o Estado está practicamente desmantelado naquela Comunidade.A Axencia Tributaria, Correos...e pouco máis.Ademais de ignorar aspectos tan relevantes como o pago das pensións ou das prestacións por desemprego, o presidente da Xunta cometeu un erro impropio do cargo que ocupa:confundiu Administración central co Estado.Tanto el como Pujol, Mas ou Urkullu forman parte da arquitectura estatal que se construíu a partir de 1978.Non entendelo así abre a porta á perigosa conclusión de que é necesario un proceso de recentralización de competencias para conseguir que ese Estado así concibido recupere o que supostamente perdeu nas últimas décadas. 
 
Unha última pregunta fica no ar despois de escoitar e ver o que sucedeu en “Salvados”: sería imaxinábel unha entrevista destas características no universo mediático galego? 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.