"Podería haber unha alternativa ao PP se a Marea, o Bloque e o PSOE se xuntasen, como en Portugal"

Xosé Luis Méndez Ferrín presentou en Vigo o seu libro "Arraiano entre Arraianos", unha compliación de artigos relativos ás diferentes partes onde se fala galego fóra da “Galicia administrativa”. Un dos grandes literatos que deu Galicia, comprometido políticamente co nacionalismo, tamén fala nesta entrevista doutros temas como a literatura, a lingua ou o futuro político do país.

Por Moncho Mariño | Vigo | 12/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

 -Por que sentía a necesidade desa outra Galicia que chaman exterior?
Pois porque sinto que hai unha ausencia de consciencia de que Galicia é máis territorio e máis persoas que as que habitan as catro provincias marcadas polo centralismo español no século XIX. Hai máis xente, máis cultura e máis vida. Iso non parece ser moi comprendido polos nacionalistas galegos.

Méndez Ferrín, escritor e político.
Méndez Ferrín, escritor e político.

-Por que?
Porque non propoñen candidaturas en Asturias, no Bierzo e porque, poño por caso, a defensa do galego de Zamora está feita localmente desde o concello de Lubián e desde o PSOE. Esa é realidade, polo tanto hai que seguir insistindo no tema.

-Por tanto na Galicia administrativa o coñecemento do galego exterior é insuficiente.
É insuficiente e ademais hai un desprezo por parte por parte do nacionalismo galego político. Un dresprezo con respecto á lingua que está maltratada en Asturias, León , Zamora e Cáceres, sen ningún tipo de protección. Iso non parece interesarlle a moita xente. A saúde do galego exterior está na mans dos falantes leais á lingua, que son moitos sen ningún tipo de consolo de lei de normalización lingüística favorable.

"Hai unha ausencia de consciencia de que Galicia é máis territorio e máis persoas. Iso non parece ser moi comprendido polos nacionalistas galegos"

-Con este libro estamos diante dunha paréntese ou un punto e á parte dentro da súa carreira como autor?
Non, que va! Levo falando destas cousas toda a miña vida. É unha constante.

-Cando eu era neno na materia lingua galega falábase moito da súa faceta como poeta. Tivo vostede esa sensación, a de falar máis do Ferrín poeta que do narrador?
Home, iso sería cousa de quen che impartise lingua galega. Ao contrario, eu fun negado como poeta, pero tamén se ten dito que eu son narrador ou son contista. Pero é igual, o que un escritor lanza ao mundo en forma de páxinas impresas, ou en forma de tradición oral ou de cancións e música, o que un escritor fai nunca se sabe onde vai parar. É como unha botella tirada ao mar, caerá nunha praia ou noutra e o escritor o que ten que facer e lanzar botellas ao mar, nada máis. Algunha chegará e será aberta e outras pararán nos penedos.

-E que pasou co teatro? Con “Celtas sen Filtro”, por exemplo?
Pois foi que unha vez que colaborei con “Artello”, logo foi que non tiven máis ocasións de colaborar con máis grupos de teatro. Tampouco ninguén me pediu nada. Non houbo unha converxencia.

"O que un escritor fai nunca se sabe onde vai parar"

-Vostede foi apuntado en varias ocasións para o Nobel de Literatura. Que sente ao non telo aínda?
Sinto o que senten a maior parte dos escritores das linguas do mundo que falan persoas pero non son as oficiais. Non hai ningún premio Nobel, que eu saiba, a unha lingua africana, os africanos premiados son por teren producido en inglés. Non hai ningún poeta bretón, nin en lingua irlandesa, nin vasca nin catalana. Non existimos na academia sueca. O único poeta dunha lingua minoritaria, mellor dito, dunha lingua non oficial, foi Frederic Mistral, que o compartiu con Echegaray, un escritor español horroroso e ruín. Pero ben, se llo deron a Mistral, foi por ser francés. E que non se repita.

-Vostede foi profesor e logo catedrático no instituto Santa Irene de Vigo, terá vivido de primeira man a evolución de mocidade galega dos últimos trinta ou corenta anos. Esa mocidade é o futuro para a lingua e literatura galegas?
Si, eu empatei a miña mocidade, antes de saír dela xa me fixen profesor, por tanto tiven unha mocidade que se alongou anormalmente uns corenta anos. Sempre é a mocidade o futuro, pero non se pode mitificar, como facía Hítler, como facía o fascismo, non? En xeral, nin sequera se pode pensar que dela depende a revolución nin se pode minimizar. A xuventude é un estado transitorio para todos nós. En realidade dura moi pouco. Agora ben, como dicía Otero Pedrayo “o que máis vale de nós é o que permanece despois do naufraxio dos ideais adolescentes”.

"O único poeta dunha lingua non oficial foi Frederic Mistral que o compartiu con Echegaray, un escritor español horroroso"

-Hai decretos oficiais como o do plurilingüismo, ou posturas oficiosas coma as dalgúns partidos políticos que non son precisamente favorables ao noso idioma. Por que lle teñen tanto medo a un idioma minoritario?
Pois téñenlle medo ao vasco e ao catalán, porque segundo eles comezaron os cataláns dicindo que tiñan unha lingua e agora acaban pedindo unha república independente. Esa é a razón. Todo aquilo que tenda á separación ou disgregación dunha España moi feble, que se formou recentemente. O galego combáteno porque en Galicia nunca houbo un período longo con partidos nacionalistas no poder. Houbo partidos nacionalistas que salvaron da extición por exemplo, o vasco. Eu lembro cando esa lingua estaba destrozada. Ou cando asimilaron a toda a emigración en Cataluña, andaluces ou extremeños e iso foi mediante o ensino da lingua. Hoxe en día existe un que se chama Rufián, outro de orixes murcianas, outros con apelidos castellanos na CUP e en ERC. Entón eles saben ben o que fan. Unha conciencia de lingua en Galicia é unha conciencia nacional.

-No caso de Cataluña agora está como está.
Non sei que pasará en Cataluña pero todo o mundo ten conciencia do que pasa alí.

-Que lle parece que haxa os políticos que piden falar en inglés, mesmo o presidente da Xunta que non o sabe falar, agora que Gran Bretaña quere deixar Europa?
Pois me parece unha pregunta ou un sarcasmo estupendo que me gustaría suscribir. Claro, o que sabe falar inglés é Puigdemont, e tamén francés, os que non saben son os outros. Iso vai sempre moi unido. Os plurilingües eran Otero Pedrayo, Risco, pois falaban moitas linguas, mesmo Pondal falaba grego. Todo iso vai unido á esquerda nacionalista e ao independentismo galego, confeso ou oculto, vai unido a unha cultura alta, ao mesmo tempo que unido á clase obreira e ás clases populares. Iso é algo moi perigoso, entón hai que desfacer.

"Unha conciencia de lingua en Galicia é unha conciencia nacional"

-Vostede tamén tivo unha longa experiencia política. Desde a súa perspectiva, poderán acabar algún día as maiorías absolutas do PP?
Non sei. Houbo veces que ocorreu que acabaran. Pero o PP este de agora, é un partido agonizante, está morrendo. A burgesía, a banca ten outro partido que se chama Ciudadanos ou Ciutadans e ese está encantado coa transexualidade, co divorcio, co aborto e con todo aquilo que non sexa tocarlle á banca. É o que vén, pero en Galicia aínda non conta con cadros.

-Cre que hai alternativa nacional ao PP como os partidos que están na oposición no Parlamento?
Podería habela se as forzas da oposición, A Marea e o Bloque e o PSOE se xuntasen, podería haber unha solución á portuguesa. Forzas semellantes están propiciando unha rexeneración modesta do país. Pero aquí non, aquí a imposibilidade do Bloque de unirse a En Marea é o que máis dano fai a calquera alternativa. Unha falta de visión política total, de sectarismo. E a ausencia dun partido socialista galego, na liña do PSG histórico, que foi fundado por Beiras entre outros, fai imposible un achegamento. Beiras falaba dun atraso económico, hai un atraso político de Galicia, o que permite que as caixas de aforros acabasen en mans dun empresario de Venezuela. Agora que falan tanto de Venzuela. Iso é atraso político. O atraso político de Galicia fai que se eternice o PP, e que non se dean maiorías de esquerda progresistas e máis nacionalistas. A hipótese independentista en Galicia siga sendo minoritaria. Non sei se segue sendo minoritaria ou é minoritaria nas elites políticas, porque ao pobo ninguén lle preguntou se iso o quería ou non o quería. Veríamos se se lle preguntase.

"Beiras falaba dun atraso económico, hai un atraso político de Galicia o que permite que as caixas de aforros acabasen en mans dun empresario de Venezuela"

-Retiran fotos dunha exposición, encadean artistas e secuestran libros. Que lle lembra isto?
Pois o que está pasando. Mesmo queren meter na cadea o artista que fixo o pregón do entroido en Santiago. Podes ir sumando cousas, e o presidente da Xunta de Galicia pode ser un personaxe de “Fariña” (a serie de TV), porque saiu de paseo cos narcotraficantes. Iso é a realidade en que vivimos. É certo que estamos nunha crise de réxime pero non só en Galicia, tamén España e Europa. Da UE a xente vaise, só quere entrar Ucrania que é un país fascista. Hoxe en día o mundo é multilateral. As alianzas xeográficas entre China e Rusia son tan poderosas que fixeron calar o Dalai Lama, que xa non pide democracia para China nin a independencia para o Tibet. Xa non traballa para a CIA. Para quen traballa a CIA. Ti sábelo? Traballa para o presidente. Que pasa con ese presidente dos EE UU que se están retirando do mundo? Vai falar con Corea do Norte e vai poñer aranceis proteccionistas dentro do seu país, iso chámase retirada. Vivimos nun mundo no que o poder imperial se está retirando e hai crise.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

1 Gamela

O poder imperial = neoliberalismo e globalización económica = non vexo a súa RETIRADA por ningures... Pero quen sabe...?