Temas: CARBALLO MONTE

Impulsan cultivos in vitro de cerdeiras e carballos para reforestar os montes galegos

Medio Rural e a Fundación Paideia colaborarán na mellora forestal a través de actividades de investigación e transferencia da produción dos clons destas especies.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/03/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural e a Fundación Paideia Galicia colaborarán na mellora do material forestal de reprodución, especialmente de cerdeira e carballo, para fornecer o sector “de planta de calidade “que poida ser empregada nos nosos montes e así garantir a xeración de recursos para os seus propietarios e para a industria. 

O carballo de Santa Margarida, en Mourente (Pontevedra)
O carballo de Santa Margarida, en Mourente (Pontevedra) | Fonte: Monumental Trees

Para iso, Medio Rural achegará un total de 135.000 euros distribuídos nas anualidades de 2018, 2019 e 2020. Os fondos servirán para financiar actividades de investigación e transferencia da produción dos clons destas especies, propostos e aprobados como material forestal de reprodución. 

“Este convenio favorecerá as demandas do sector forestal galego e contribuirá a diminuír a forte dependencia externa na comercialización destas especies procedentes doutros países da Unión Europea e a fomentar a produción na nosa comunidade, beneficiando ademais a diversidade forestal de Galicia e reforzando a aposta polas frondosas autóctonas”, sinalan desde Mediro Rural.

CULTIVOS IN VITRO

En virtude deste convenio, a fundación Paideia incrementará e optimizará o protocolo de cultivo in vitro de clons de cerdeira, a partir dos seleccionados polo seu crecemento e resistencia a enfermidades. Fornecerá aproximadamente 11.200 plantas desta especie. Así mesmo, estudará a capacidade de multiplicación e porá a punto as técnicas para a reprodución polo mesmo método de cultivo de 20 xenotipos de carballo, seleccionados nas diferentes moutas selectas de Galicia, para a conservación do seu xermoplasma e a subministración de material suficiente.

Segundo o acordo acadado, a fundación comprométese a utilizar so o material vexetal subministrado polo Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e entregará o material que se xere á Dirección Xeral de Ordenación Forestal, ambas as entidades dependentes da Consellería do Medio Rural.

Pola súa banda, este departamento da Xunta achegará o material mellorado xeneticamente e coa rastrexabilidade necesaria de cerdeira, a través do CIF de Lourizán. No caso do carballo, empregarase material xenético proveniente do convenio de colaboración entre a Fundación Juana de Vega e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal). A consellería participará e colaborará nas accións previstas da citada investigación co persoal técnico e científico especializado en material forestal de reprodución e achegará os fondos necesarios para a realización das accións obxecto do convenio. 

Temas: CARBALLO MONTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta