O Goberno de España defende que o colexio Salvador Moreno de Pontevedra manteña o nome do almirante franquista

O Executivo din que non supón "de ningún xeito ningunha forma de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, nin da represión da ditadura". Rajoy xa cuestionara que o Concello cambiase o nome do militar polo da poetisa Rosalía de Castro nunha rúa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2018 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O Goberno español defende que un colexio de Educación Primaria e ESO de Pontevedra, que depende do Ministerio de Defensa, leve o nome de Salvador Moreno, almirante que participou no golpe de estado de 1936 e posteriormente foi ministro da Mariña con Franco.

Colexio Salvador Moreno de Pontevedra.
Colexio Salvador Moreno de Pontevedra.

A xuízo do Goberno central, que o colexio leve este nome non supón "de ningún xeito ningunha forma de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, nin da represión da ditadura", senón que se trata dun "recordo da súa persona, sen exaltación dos enfrontados".

A postura defendida por Executivo central plásmase nunha resposta á deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz, na que a parlamentaria denunciaba o "incumprimento" da Lei de Memoria Histórica neste centro escolar.

Este centro, critica En Marea, "segue tendo, como clara homenaxe e exaltación da súa figura, o nome dun militar e ministro franquista como foi o almirante golpista Salvador Moreno". Tamén lembra que no Panteón de Mariños Ilustres, situado na poboación militar de San Carlos, en San Fernando (Cádiz), aínda existen senllos monumentos funerarios dedicados á figura de Salvador Moreno e o seu irmán.

Na súa resposta, o Goberno defende o papel de Salvador Moreno no impulso da Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra), que contou "coa implicación directa e persoal do almirante".

"A súa construción supuxo un grande impulso social e económico para a localidade de Marín e, parcialmente, para Pontevedra, xa que levou a construción de barriadas para o persoal civil e militar da escola en ambas as localidades, un hospital para a atención das familias e o propio centro de educación", destaca o executivo que dirixe Mariano Rajoy.

POLÉMICAS PALABRAS DE RAJOY

Precisamente, a finais do pasado ano foron polémicas as palabras do presidente do Goberno respecto do cambio de nomenclatura da que era a rúa Salvador Moreno e que pasou a chamarse Rosalía de Castro pouco despois de que o BNG chegase ao goberno local, antes da aprobación da Lei de Memoria Histórica.

Dáse a circunstancia de que o Bloque gobernou desde entón en Pontevedra, cidade que declarou persoa non grata a Rajoy como presidente do Goberno en 2016, despois de que o seu executivo concedese unha nova prórroga á fábrica de Ence, instalada nos terreos de Lourizán (en Pontevedra, no límite coa localidade de Marín).

Durante unha visita a Costa de Marfil a finais de novembro, e mentres interviña ante membros do corpo naval militar, Rajoy lembrou que el —como pontevedrés de adopción— viviu "moitos anos á beira da escola naval de Marín, na rúa Salvador Moreno", en referencia a unha rúa que percorre case desde o centro de Pontevedra até a estrada que une con esa vila limítrofe (ambos os municipios comparten autoridade portuaria).

"Vivín moitos anos á beira da escola naval de Marín, na rúa Salvador Moreno de Pontevedra. Agora non sei por que lle quitaron a rúa ao almirante Salvador Moreno. Pero en fin, vivín alí moitos anos e sígolle chamando así", manifestou o presidente do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 urco

Pois nada. A recepçom dos vizinhos aos presos de ETA que saem do cárcere constituirám segundo a doutrina do PP : que se trata dun "recordo da súa persona, sen exaltación dos enfrontados".