Por que só se merca a madeira de eucalipto queimado na vaga do 2017 e non a de piñeiro?

A Asociación Forestal de Galicia denuncia que case a metade da madeira de piñeiro segue sen ser recollida o que vai provocar unha “gran depreciación". Na Zona Demarcada do Nematodo, a situación é peor.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/03/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Cinco meses despois da vaga de lumes do 14 e 15 de outubro do 2017, case a metade dos lotes de madeira queimada que saíron a subasta quedaron desertos, 47 dun total de 97 no conxunto de Galicia, o 48%. O problema afecta en especial á madeira de piñeiro, que continúa bloqueada no monte, mentres que a de eucalipto ten doada saída.

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com

Por iso, a Asociación Forestal de Galicia di “seguir con preocupación” a evolución das poxas de madeira queimada en montes con convenio. De feito, solicitou reunións coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e con tódolos grupos parlamentarios para abordar o conxunto de preocupacións dos propietarios forestais galegos

“É especialmente preocupante a situación do sur da provincia de Pontevedra, na Zona Demarcada (ZD) polo nematodo do piñeiro, onde o 77% da madeira afectada polos lumes en montes con convenio quedou sen adxudicar, cando esa madeira en ZD tería que estar retirada do monte a 31 de marzo”, denuncia nun comunicado.

Esta situación, critica, está provocando atrasos na saca de madeira dos montes con convenio están a provocar unha grave depreciación da madeira. De feito, Medio Rural publicou a pasada semana unha poxa dos lotes desertos en Pontevedra cunha baixada do prezo base de ata o 50%. “As poxas desertas e a depreciación están a provocar unha situación moi grave para as comunidades de montes afectadas polos lumes, que ven como perden posibles fondos para encarar a recuperación do monte”, denuncia.

Ademais, a Asociación Forestal de Galicia apunta que toda esa madeira de piñeiro que leva máis de cinco meses no monte afectada polos lumes previsiblemente xa non servirá para serra e terá que ir para trituración, pois estará afectada por fungos. 

Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Monte arasado polo lume na parroquia de Valladares (Vigo), tras os devastadores incendios que asolaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Na Zona Demarcada do Nematodo, a situación é peor que no resto da provincia, pois quedaron sen adxudicar tódolos lotes que tiñan só coníferas (22.000 metros cúbicos de madeira) e só se colocaron 7 dos 29 lotes que saíron a poxa. Dos 47.588 metros cúbicos de madeira queimada, adxudicáronse só 10.982 metros cúbicos, un 23% do total, en tanto o 77% da madeira quedou sen comprador.

POR QUE OS ATRASOS?

As poxas de madeira queimada en montes con convenio comezaron a convocarse a finais do 2017, pero a primeira poxa non se celebrou ata o 14 de febreiro do 2018, catro meses despois dos lumes. Este retraso na celebración das poxas provocou que unha gran parte dos lotes de madeira queimada que saíron a poxa quedaran desertos. De feito, dos lotes de madeira queimada que non contiñan eucalipto na provincia de Pontevedra só se adxudicou 1 lote, quedando os restantes 13 desertos.

Esta asociación cre que puido ter influencia nesta escasa capacidade de colocar os lotes de madeira de coníferas o feito de que, de xeito simultáneo, se sacasen ó mercado máis de 11.000 metros cúbicos de madeira non queimada de coníferas.

Toda esa madeira verde, de cortas de rexeneración, adxudicouse, en tanto só se colocou un 7% dos lotes de piñeiro afectado polos lumes. “A falta de previsión de que isto podería suceder provocará unha perda económica irreparable para as comunidades propietarias, pois a maioría dos lotes queimados están volvendo a saír a subasta a prezos moi baixos e mesmo é posible que algún non se chegue a comercializar”, engade.

MONTE DA ADMINISTRACIÓN FORESTAL

Un dos principais problemas desta situación radica en que numerosas hectáreas que arderon nos lumes de outubro estaban xestionadas pola Administración forestal en base ós convenios que ten en vigor coas comunidades de montes propietarias.

En varias reunións mantidas tras os lumes coa Administración forestal, a Asociación Forestal de Galicia solicitoulle que se paralizasen todas as cortas de madeira sen queimar planificadas nos montes en convenio co obxectivo de que ese volume de madeira adicional non afectase negativamente sobre o prezo de mercado da madeira queimada.

Zona do parque forestal Monte dos Pozos en Vigo queimada polo lume, tras os devastadores incendios que arrasaron Galicia en pleno outubro
Zona do parque forestal Monte dos Pozos en Vigo queimada polo lume, tras os devastadores incendios que arrasaron Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Connolly

Parroquia de Valadares, concello de Vigo

1 Bosques

Total, que está claro que los montes arden para que un Pajarito compre la madera barata. Y aún había algún listo en este periódico que decía que la madera quemada no salía a la venta. Cuantos millones se ahorran unos pocos a costa de destruir Galicia.