Endesa investirá 220 millóns na térmica das Pontes para adaptala á nova normativa europea de emisións

Feijóo destaca o compromiso da empresa eléctrica con Galicia e coa comarca de Ferrolterra

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2018 | Actualizada ás 18:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Endesa iniciou este martes de maneira oficial a reforma da Central Térmica das Pontes (A Coruña) para adaptala á nova normativa europea de emisións, un proxecto que suporá un investimento duns 220 millóns de euros.

Foto Endesa As Pontes con Feijóo
Foto Endesa As Pontes con Feijóo | Fonte: Europa Press

Esta intervención levará a converter As Pontes nunha central de carbón de "alta eficiencia" ambiental, grazas á redución dun 71% das emisións de dióxido de xofre, dun 62,5% das de óxidos de nitróxeno e dun 80% na emisión de partículas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este martes nunha visita que marcou o inicio desta intervención, onde destacou "o compromiso de Endesa para reformar a central térmica" das Pontes de García Rodríguez, para poder así "cumprir co medio ambiente antes dos prazos previstos nas directrices máis esixentes do mundo".

Na visita, Núñez Feijóo estivo acompañado polo presidente de Endesa, Borja Prado, polo consellerio de Economía, Francisco Conde, ademais de por o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Durante a mesma, Feijóo detallou que o proxecto contempla "a construción de dúas novas plantas para eliminar os gases que producen a queima do carbón", a través dun "enorme investimento", co obxectivo de "lanzar unha mensaxe a todos aqueles que estiman que o mundo pasa polo cumprimento de estritas normas ambientais".

COMPROMISO CON GALICIA

O presidente da Xunta lembrou que a empresa eléctrica "veu realizando ao longo da historia todos os axustes ambientais que se viñeron establecendo", ao mesmo tempo que destacou "a importancia destas instalacións non só a nivel do Estado, senón que mesmo na Península Ibérica".

As obras que agora se inician "van permitir prolongar a vida útil destas instalacións polo menos outros 20 anos máis", dixo Feijóo, que incidiu no compromiso de Endesa "con Ferrolterra, a través do Porto de Ferrol, cos camioneiros, con todo o emprego que xera nesta zona", e de "o investimento de 220 millóns de euros de aquí ao ano 2020 e a creación duns 300 postos de traballo durante estes anos".

INVESTIMENTO

Alberto Núñez Feijóo tamén aproveitou a súa visita na localidade para abordar con Borja Prado outros capítulos investidores. En particular, Prado trasladou ao presidente da Xunta as súas previsións noutros sectores de xeración eléctrica, como o da eólica.

Así, o máximo mandatario do Goberno galego destacou que "Endesa prevé aumentar en máis dun 30% o parque eólico que ten en Galicia", e, dos vinte e un parques que foron declarados de interese especial polo Goberno, "esta compañía vai executar catro deles, con 92 Megawatts (MW), tres deles na provincia de Lugo e outro en Pontevedra".

A estes, habería que sumar "outros 120 Megawatts noutro catro parques, que sumados aos anteriores suporán un investimento no próximos tres ou catro anos de 250 millóns de euros", dixo Feijóo.

EMISIÓNS SEN CONTAMINANTES

Pola súa banda, o presidente de Endesa, Borja Prado, agradeceu a colaboración "desde a Xunta e tamén do Concello das Pontes" para poder materializar este proxecto, ademais de "aos directivos e empregados de Endesa".

Prado destacou que, unha vez executada esta actuación, lograrase que "os gases resultantes da combustión do carbón cheguen á atmosfera limpos de nitratos e xofres", minimizando "o impacto desta central coas técnicas máis innovadoras".

O presidente da compañía dixo que no ano 2020 "esta central cumprirá coas directivas de emisións industriais da Unión Europea", algo para o que será necesario "empregar a unhas 300 persoas externas pertencentes a catro compañías principais e máis de 50 subcontratistas, moitas delas da rexión".

Borja Prado tamén aproveitou a súa intervención para anunciar que, dentro do "compromiso" de Endesa coa innovación, investirá 11,5 millóns de euros para desenvolver nas Pontes un proxecto pioneiro de almacenamento de enerxía eléctrica, a través da instalación dunha batería de iones de litio de 20 Megawatts de potencia e de 11,7 Megawatt-hora de capacidade, a maior deste tipo en España até o momento".

CADRO COMPROMETIDO

Finalmente, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asegurou que "hoxe é un día feliz na xeración de emprego" para a zona, agradecendo a decisión de Endesa de "acometer esta reforma" e a colaboración da Xunta, "axilizando todos os trámites".

O rexedor socialista tamén destacou "a eficiencia e a motivación do cadro, que foi unha das bases para que os números saian e que motivou o compromiso por parte do grupo Enel para que esta central teña vida polo menos outros 25 anos máis".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta