Temas: RIBEIRA SACRA

Castro Caldelas, protagonista nun vídeo que promociona a Ribeira Sacra

O Castelo de Castro Caldelas acolleu a presentación oficial do videoclip “Este vaise” do grupo folk Mílson’s producido por Queiman e Pousa para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Por X.M. Fernández | Castro Caldelas | 15/03/2018 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

As potencialidades da Ribeira Sacra como territorio semellan enormes, xa non só de cara ao turismo pola súa excepcional beleza, se non tamén como lugar de oportunidades emprendedoras e territorio para fixar poboación no futuro. E, por iso, acba de saír un videoclip que tenta potenciar a importancia desta rexión.

Mesa de autoridades na presentación do acto.
Mesa de autoridades na presentación do acto.

O director da obra, Fabián Figueroa, recoñeceu terse quedado abraiado pola cantidade de lugares que localizaron para gravar a peza audiovisual e a cantidade deles que tiveron que desbotar por non ter espazo material para incluílos. Confesou tamén que quedou namorado da zona e da Festa dos Fachós, evento cun especial protagonismo no videoclip.

Ademais das intervencións das autoridades, houbo ocasión de escoitar ao actor Rubén Riós, un dos protagonistas da peza audiovisual, á cantante Andrea Pousa e ao Bruxo Queiman que fixo da súa participación no acto unha auténtica “performance”. Coa súa desgarrada e característica voz cargou de mística as súas palabras en relación á Ribeira Sacra e verteu unha copa de viño mencía por enriba da mesa para sorpresa dos persoeiros presentes.

Esta obra audiovisual do grupo de folk fusión Mílson’s, baixo a dirección de Fabián Figueroa e producido pola empresa de espectáculos Queiman e Pousa, trata de poñer en valor as tradicións, o patrimonio, a riqueza paisaxística e a viticultura heroica da Ribeira Sacra pero tamén amosa o tema da emigración. Aínda que saen diferentes localizacións desta zona de forma moi fugaz como o Mosteiro de Santo Estevo, o Mosteiro de San Pedro de Rocas, ladeiras de viñedos ou o canón do Sil, teñen especial protagonismo na peza audiovisual a Festa dos Fachós, o Castelo de Castro Caldelas e o miradoiro de Penas de Matacás.

Participan no videoclip os integrantes de Mílson’s, a cantante Andrea Pousa, o Bruxo Queiman, Rubén Riós (encarna a figura do galego destas terras que emigra para América), veciños e varias agrupacións musicais de Castro Caldelas.

Intervención de Andrea Pousa
Intervención de Andrea Pousa

Colaboran na financiación deste proxecto promocional a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Concello de Castro Caldelas, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, a Adega Ponte da Boga e o Restaurante O Dezaseis de Santiago.

DESTACADOS POLÍTICOS

De feito, no acto que guiou Sara Inés Vega, como anfitrioa e alcaldesa de Castro Caldelas, estiveron presentes moitos dos alcaldes de concellos da Ribeira Sacra, a Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o Secretario de Política Lingüística, Valentín García, o Presidente do Consorcio da Ribeira Sacra e alcalde do Concello de Sober, Luís Guitián, o Presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, o Presidente da Deputación de Ourense José Manuel Baltar e o director do videoclip, Fabián Figueroa.

O Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que se está a traballar para que a Ribeira Sacra teña o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade pero puntualizou que “xa é patrimonio mundial para nós, só falta un distintivo que o acredite pero ninguén negará que estas terras, paraxes e xentes que viviron e viven aquí merecen un recoñecemento especial”.

Vista dende o miradoiro de Penas de Matacás
Vista dende o miradoiro de Penas de Matacás
Temas: RIBEIRA SACRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Paco da Rosa

A Ribeira Sacra aparece en segundo plano, como decorado, non como protagonista. Así celebaramos un vídeo que canta a desgraza da emigración? Ou aproveitamos a subvención para facer "arte" cos tópicos de sempre... Por riba, os responsables políticos da desfeita da emigración, alí presentes, estano celebrando!!! Onde están as oportunidades que ofrece a Ribeira Sacra? Acaso non está en proceso acelerado de desertificación humana? De que presumen: de ser os responsables, de non ofrecer alternativas reais? E aínda hai quen difunde e aplaude os tópicos!!! Que paisiño de colonizados servís con caciquismo!!!

2 José

Pois eu non fun capaz a acabalo de ver

1 cesc

Celtismo e misticismo, estéticamente moi bo o video. Quizais máis video promocional de evento ou festa que de exaltación e representación dun territorio.