Aprazado pola folga o xuízo contra unha rede de talleres e concesionarios que alteraba quilometraxe

De suspenderse, a Audiencia Provincial non prevé que poida celebrarse até 2019 ao estar "colapsada" a axenda até decembro

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2018 | Actualizada ás 13:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O xuízo contra unha rede de talleres da área de Santiago e de concesionarios de toda Galicia por alterar a quilometraxe de vehículos que posteriormente eran postos á venda foi aprazado debido á folga que os funcionarios da xustiza celebran desde o 7 de febreiro.

En concreto, o fiscal pide para o principal acusado desta rede, J.G, 37 anos de prisión pola coñecida como 'Operación Trucarro' e solicita penas de até dous anos e seis meses de cárcere e indemnizacións de distintas contías que chegan a roldar os 20.000 euros para o resto de acusados, 41.

As partes acudiron este xoves á Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, onde se prevía que arrincase o xuízo que está programado até o mes de maio. Con todo, o paro que os funcionarios levan a cabo desde o pasado día 7 de febreiro impediu o seu inicio e obrigou ao xulgado a reprogramar as sesións.

Segundo explicou aos xornalistas o presidente da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Pantín, non se chegou a suspender o xuízo, xa que este feito provocaría que se non se celebrase até o 2019 xa que a sala ten a axenda "colapsada" até decembro deste ano.

REPROGRAMAR O CALENDARIO

Deste xeito, está previsto que o xuízo sexa reprogramado nos días xa reservados no calendario tendo en conta que, como destacou o maxistrado, varios dos acusados xa chegaron a acordos de conformidade e poderían destinarse as datas previstas para abordar as súas causas para avanzar no proceso.

E é que, tal e como explicaron fontes xudiciais, dos máis de 300 afectados polos feitos investigados nesta 'Operación Trucarro', despois dos acordos alcanzados entre as partes, xa foron indemnizadas máis dun centenar de persoas.

Con todo, esta medida dependerá de que a folga permita que o xuízo arrinque os próximos días 20, 21 e 22 de marzo, antes da Semana Santa xa que, pola contra, o calendario veríase "moi afectado", precisaron as mesmas fontes.

O caso, que procede do Xulgado de Instrución número dous de Santiago retrotraese aos anos 2006, 2007 e 2018, segundo explica a Fiscalía da capital galega, que destaca que a "inxente" cantidade de documentación relativa ao caso motivou que a instrución non concluíse até o 2016.

PRINCIPAL ACUSADO

No seu escrito, o fiscal solicita a apertura de xuízo oral e lembra que o acusado principal, J.G., utilizaba as súas instalacións no Milladoiro (Ames) para prestar "repetidamente" e "a toda unha serie de talleres e concesionarios dedicados á venda de vehículos usados (...) servizos técnicos que incluían a alteración da indicación dos quilómetros percorridos nos cadros de mandos dixitais dos vehículos".

De feito, segundo apunta o Ministerio Público, "este tipo en concreto de servizo foi o que lle fixo popular e demandado dentro do sector". J.G. estivo privado de liberdade por este procedemento do 30 de setembro ao 23 de outubro de 2008.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta