Temas: EN MAREA

A dirección de En Marea resta importancia á ausencia de Ferreiro, Suárez e Noriega no plenario

O partido instrumental celebra este sábado un conclave no que non participarán os alcaldes das mareas da provincia da Coruña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2018 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A dirección de En Marea restou importancia ás ausencias dos alcaldes das 'mareas' da Coruña (Xulio Ferreiro), Santiago (Martiño Noriega) e Ferrol (Jorge Suárez) no plenario que o partido instrumental celebrará este sábado na capital galega, no que o tema principal será o papel da organización nas eleccións locais do próximo ano e o seu grao de implicación coas diferentes candidaturas municipalistas.

Ana Seijas e Gonzalo Rodríguez presentan o plenario de En Marea do 17 de marzo
Ana Seijas e Gonzalo Rodríguez presentan o plenario de En Marea do 17 de marzo | Fonte: Europa Press

Este xoves, a viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, e o coordinador, Gonzalo Rodríguez, presentaron o plenario que terá lugar na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago ao longo do sábado. O conclave sufrirá un receso para que os asistentes poidan participar na manifestación convocada polo colectivo de pensionistas na mañá do sábado en Santiago.

Deste xeito, o plenario debaterá, a partir das 10.00 horas, os documentos referidos a posicionamentos políticos sobre cuestións como as infraestruturas e o declive demográfico de Galicia, así como a creación de "mareas sectoriais", un tema que procede do anterior plenario celebrado en xullo.

Xa pola tarde será a quenda das cuestións orgánicas da formación rupturista, que deberá definir o seu papel nas eleccións locais do próximo ano e a súa relación coas mareas municipalistas, que, pola súa banda, reivindicaron a súa independencia e autonomía ao longo duns encontros celebrados nos últimos meses convocados á marxe da dirección de En Marea.

AUSENCIAS DOS ALCALDES

De feito, o vindeiro sábado non participarán no plenario os alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago, que, no verán de 2016 lideraron os movementos que concluíron coa configuración de En Marea na asemblea fundacional de Vigo e a posterior candidatura como partido instrumental para as eleccións autonómicas de setembro.

Cuestionados por este asunto, Ana Seijas e Gonzalo Rodríguez restaron importancia á ausencia dos rexedores —Ferreiro e Noriega xa non acudiron ao último plenario—, unha decisión que respectan, pero lembraron que En Marea é "un partido de adscrición individual".

"Creo que non é unha cuestión de preeminencia, de que teña máis valor a participación duns e outros", declarou Seijas, que reivindicou que "a proposta de En Marea é traballar en común desde a máxima autonomía e independencia dos movementos municipais".

Tamén este xoves, o primeiro edil de Santiago, Martiño Noriega, xutificou a súa ausencia porque, di, se atopa "centrado no traballo local", á vez que incidiu en que a súa participación ou non no conclave "ten pouca importancia" aínda que recoñeceu que "informativamente pódeo ter".

"Compostela Aberta vai participar, pero eu vou ter un perfil baixo centrado na cidade. En Marea é o espazo de referencia política pero as enerxías hai que economizalas e participar cando cre que se pode achegar algo", remarcou.

Na mesma liña expresouse o seu homónimo na Coruña, Xulio Ferreiro, que, antes de inaugurar unha xornada do Eixo Atlántico sobre a Axenda Urbana e manifestou que lle é "imposible" asistir ao plenario porque "xa hai bastante tomate aquí na Coruña" e prefire priorizar "as cuestións da cidade".

RELACIÓN CO GRUPO NAS CORTES

Outro dos puntos internos a debater este sábado será a relación da dirección da organización rupturista e os deputados das Cortes, integrados no grupo confederal de Unidos Podemos.

No documento que será levado ao pleno, En Marea reclama que os parlamentarios, a pesar de ser elixidos antes da conformación da organización, deben rexerse polos criterios da dirección do partido instrumental en Galicia e actuar como representantes do "suxeito político galego" e non "como simples electos por unha organización de ámbito estatal nas circunscricións electorais galegas".

Sobre iso, Gonzalo Rodríguez negou que se trate dun movemento para controlalos, senón que é "unha pequena recapitulación de cuestións que estaban dispersas que en todo caso estaban recollidas nos documentos de Vigo" e que a dirección pretende organizar para "clarificar de forma transparente".

A acción dos deputados de En Marea nas Cortes tamén foi posta en cuestión por outros sectores que forman a organización rupturista como Anova, que mostrou as súas discrepancias pola postura dos deputados no debate sobre a reforma electoral, xa que entende que a proposta de Unidos Podemos podería prexudicar os partidos de ámbito territorial en beneficio dos xeneralistas.

Así as cousas, a orde do día recolle a participación dos deputados tanto no Congreso en Madrid como no Parlamento galego, que deberán render contas da súa acción fronte ao plenario, como recollen os estatutos de En Marea.

Temas: EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

5 iluminatis Vieiras

o pior e o regreso do vello, xa esta de novo o cargo dos poderes da seita mareada, e o líder dos reptilianos do lameiro de enmarea e de novo o amo, o "masa Reinolds" o que temiamos xa e un.ha crudelísima realidade

4 Edelmiro

Adolescentes de todas as idades ao poder! Viva EN MAREA! Viva a adolescencia!

1 Halternatibo

Estamos todos moi infantilizados... Así nos vai. Pero alguén pode pensar que quen ten estas actitudes incoherentes pode ser alternativa a algo?

2 Edelmiro

Si Beiras, Martinho e outros fixeron ben en fundar EN MAREA. Cando menos os adolescentes do país, que son maioría, en prácticamente todos os partidos, tenhen algo de conhecemento que nas cloacas estamos nós. Antes non tinhan nin a máis remota idea. Algo é algo. Agora len ELDIARIO.ES e saben que tamén están xente madura como Antón Losada e Suso de Toro. Pero lóxicamente estes están con homes e mulheres. Non con adolescentes. Esperando a ver cando medran. Sempre esperando a ver cando se fan maiores e independentes dos seus parentes e amigos...Pero antes nin iso.

3 Alcaldes-guía

Teñen razón, non é importante igual que non é importante que se xunten os catro irreductibles que lle quedan a Viyares. Os baróns desfaranse del cando se esnafre nas próximas autonómicas de momento aínda é útil e sae bastante caro cos 4000 euros e chofer

2 Per

Sexa o partido que sexa, sempre é unha loita polo poder,,, e cando é entre partidos igual,, poder, poder e nada máis.

1 Puñais voando nas mareas

Aí aí confluíndo, menuda tropa hahaha, menos mal que marchastes do Bloque hai tempo, os puñais voan polas mareas e calquera día fan o "bumerán" e clavan nas costas de algún alcalde ruturista, ao tempo

1 Puñais voando na secta

Claro, que o Bloque sodes pura paz e harmonía: http://www.galiciaconfidencial.com/... Menuda tropa hahaha.