Os pensionistas saen á rúa e tachan a Rajoy de mesquiño

O Movemento en Defensa das Pensións, MODEPEN e a Confederación Española de Pensionistas, COESP, convocaron este sábado concentracións en defensa dun sistema público de pensións. En Galicia foron dezasete cidades e vilas as que acolleron as reivindicacións de xubilados e colectivos que os apoian.

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/03/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A convocatoria de Santiago de Compostela comezou ás 12:00 na praza de Cervantes. Alí fóronse achegando persoas aínda que o tempo ameazaba con chuvia. Os participantes na concentración eran maioritariamente pensionistas pero tamén se deixaron ver colectivos de xente nova en apoio á xente que cobra xubilacións, representación dos sindicatos UGT e CC OO e tamén algúns políticos, como o voceiro de En Marea, Luis Villares, o concelleiro do PSOE en Santiago, Francisco Reyes e a concelleira de Políticas Sociais tamén de Santiago, Concha Fernández.

Pensionistas protestan en Santiago de Compostela
Pensionistas protestan en Santiago de Compostela

Un dos membros do movemento en defensa das pensións leu o manifesto asinado por MODEPEN, e no que un dos parágrafos mostraba a súa solidariedade co movemento Yayoflautas “que se viron presionados polas forzas da orde pública esixíndolles a documentación en manifestacións legalmente solicitadas”.

A lectura do manifesto centrouse sobre todo en acusar ás reformas lexislativas de 2011 e 2013, como unha maneira de buscar a fin do Sistema Público de Pensións. O motivo, segundo leron na concentración de Santiago “é evidente que este deterioro do sistema público de pensións, programado pola banca e as aseguradoras ten un obxectivo, favorecer os plans de pensión privados”.

O dedo apuntaba tamén ao señor M. Rajoy. Consideraron vergoñenta a intervención do presidente do Goberno no debate sobre as pensións o día 14 de marzo “dicindo que non hai diñeiro para poder subir máis dun 0,25% mostra unha vez máis o desprezo deste goberno para coas persoas pensionistas”. No manifesto tamén se acusou a M. Rajoy de ser mesquiño cos pensionistas e moi xeneroso cos seus amigos. Como exemplo puxeron que a suba das pensións segundo o IPC deste ano suporía 1600 millóns de euros “vostede di que non hai” pero “aparecen 1350 millóns para o proxecto Kastor de Florentino Pérez, 2700 millónsn para a OTAN e 6500 millóns para o rescate das autoestradas”.

Acusouse tamén ao goberno de despilfarrar cartos públicos a mans cheas mentres que o 80% dos pensionistas e xubilados teñen que axudar a manter coas súas curtas pensións a fillos e enetos para que poidan vivir. Avisaron tamén que van continuar na rúa manifestándose ata a derrogación das leis 2011 e 2013, pola inclusión nos orzamentos xerais do estado a partida para facer fronte a posibles déficits e tamén devolver o substraído da hucha das pensións.

Concentración na Praza de Cervantes Compostela
Concentración na Praza de Cervantes Compostela

Rematada a lectura do manifesto, as persoas concentradas en Cervantes comezaron a avanzar polas rúas da cidade. Primeiramente foron pasando polo mercado de Abastos, seguindo por Mazarelos ata chegaren á praza do Toral e de aí encamiñarse pola rúa do Vilar ata chegar á praza de Praterías. Alí, concentradas novamente, centos de persoas berraron contra a suba do 0.25%, contra as portas xiratorias para os cargos públicos e polo “futuro das pensións de hoxe, mañá e pasado” en alusión á falta de previsión para as xubilacións dos máis novos.

Tamén se corearon berros “as pensións que as paguen os Borbóns” e “mans arriba, isto é un atraco”. Por último, antes de dar finalizada a concentración, convocouse para o día 3 de abril unha xuntanza ás 20:00 na praza do Matadoiro diante da antiga Casa da Xuventude, en Santiago, para debatiren novas posibilidades de accións contra as políticas de xubilación.

OUTRAS CONCENTRACIÓNS

As concentracións máis numerosas no resto de Galicia foron as de Coruña e Vigo que coincidindo no horario da convocatoria, 12:00, percorreron as cidades reclamando pensións dignas. En Vigo, o secretario xeral do PSdeG lanzou unha mensaxe ao goberno ·"que estea atento á reclamación para que haxa unha revalorización das pensións". Caballero lembrou que as pensións en Galicia son das máis baixas do estado  e que no actual marco económico "hai marxe" para o crecemento de punto e medio nas pensións.

Luis Villares, de En Marea, valorou moi positivamente as mobilizacións "porque a xente non se resigna ás políticas do PP". Villares remarcou a fenda de xénero nas pensións superior ao 50% "e que con iso non se pode subir un 0.25% cando a luz sube un 10%". O voceiro de En Marea lembrou tamén en Galicia hai pensionistas que manteñen coas súas pensións a fillos e mesmo netos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anti spamña

Señores do sindicato oficial das mareas podreiras, comisionistas e ogetes varios, non se pode estar no Pacto de Toledo e repenicando. Menudo peito lle botades.

1 E esa foto?

Que fai na foto unha pancarta de UGT? UGT e CCOO asinaron co PP e o PSOE o retallamento das pensións. A quen queren enganar?