"As políticas territoriais deberan perdurar sobre os cambios políticos"

O Banco Mundial reunirá entre os días 19 e 23 de marzo a especialistas de todo o mundo sobre gobernanza de terras. Iria Buxán é asesora dentro do BM e ademais a única galega e das poucas persoas que participan desde o estado.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Land & Poverty” son as xornadas que o Banco Mundial  creou hai dezanove anos para compartillar experiencias na xestión das terras en todos os seus aspectos, agrarios, construción, reserva da biomasa e aproveitamento medioambiental. Nestas xornadas participa Iria Buxán, coruñesa asesora para o BM e que é das poucas persoas achegadas desde o estado español a este cumio entre axentes e xestores da propiedade. O encontro celebrarase en Washington, EE UU, baixo o título “Gobernanza da Terra nun mundo interconectado”.

Iria Buxán, asesora do Banco Mundial
Iria Buxán, asesora do Banco Mundial

Case dous mil participantes de todas partes do mundo achegaranse este ano á capital dos Estados Unidos. No caso español, van representantes vinculados ao catastro, cando o concepto terra nesta reunión é algo moito máis amplo como explica Buxán “gobernanza, dereitos sobre a terra, desenvolvemento de aplicacións de novas tecnoloxías para a cartografía, oo desenvolvemento sustentable e de xénero e mesmo para comunidades indíxenas”. Este tipo de encontros mundial, “permiten o aproveitamento de sinerxías e a construción dunha rede de contactos útiles para unha aprendizaxe colectiva e necesaria nun asunto tan complexo como é a política de terras” asegura Buxán.

CONSENSO PARA POLÍTICAS SOBRE TERRAS

Como poderían afectar estas reunións e encontros a Galicia? “As características en Galicia minifundismo e dispersión xeográfica, implican unha problemática que debería ser abordada desde un punto de vista integrador e de consenso”, describre Buxán. Esta integración ou consenso implicaría a negociación entre todos os sectores políticos e económicos implicados na xestión do solo. Por iso a experta considera preciso que os diferentes niveis na Administración Pública, desde os Municipios  ata as diferentes Consellerías da Xunta  traballen de forma coordenada entre si e co Goberno Central e a Unión Europea.

Entre outros obxectivos estaría abordar o abandono do medio rural. “É importante que se decida un modelo de crecemento determinado, decidido por consenso”. Para iso cómpre revisar a política de incentivos fiscais que se fan en determinadas políticas para garantir a coherencia do modelo. Mesmo accións como “valorar a redución do imposto de transmisión patrimonial e o imposto de bens inmobles” apunta Iria Buxán. A experta apunta máis motivos que frean o desenvolvemento do rural como “as dificultades para acceder á terras ou construcións no rural por falta de documentación das propiedades ou descoñecemento dos titulares. En España, é necesario solicitar a información rexistral manifestando un interese lexítimo”. Noutros lugares de Europa existen medidas de acceso máis abertas para coñecer a propiedade e a quen recorrer no caso de compra.

As conclusións ás que chega a asesora do Banco Mundial son que as políticas de terras deberan perdurar aos cambios políticos, de aí que deberan ser aceptables politicamente e viables tecnicamente. “Para iso, é preciso establecer unha coordinadora, con capacidade para xerar consenso e que asegure a participación de todas as partes implicadas”.  Non obstante, o desenvolvemento de políticas de terras acostuman ser un longo e complicado proceso. “É un tema moi complicado de abordar e moi complexo que precisa  dunha visión a 10-15 anos vista”.

Por tanto, a conclusión á que se chega logo de falar con Iria Buxán é a de que Galicia ou o Estado poderían manter unha presenza máis activa na reunión “Land & Poverty”, aínda que só fose pola posibilidade de recoller información para o desenvolvemento de novas estratexias de xestión na propiedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta