Morre un empresario galego tiroteado en Cidade de México

Propietario de varios negocios de hostalaría, hoteis e gasolineiras no país, o empresario era, ademais, cuñado do presidente do Centro Gallego de México.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2018 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

O empresario galego José González, orixinario do Carballiño (Ourense), foi asasinado nun tiroteo ocorrido a última hora do sábado en Cidade de México. Fontes da Xunta de Galicia confirmaron a Europa Press o falecemento do empresario, que residía en México, e puxeron todos os seus medios a disposición da familia, coa que están en permanente contacto á espera dos resultados da investigación sobre o suceso.

Policía de México investigando o esceario dun crime
Policía de México investigando o esceario dun crime | Fonte: elnacional

José González, de 72 anos, recibiu varios impactos de bala a última hora do sábado cando se atopaba próximo a un dos seus negocios na capital mexicana. Foi trasladado ao hospital, pero, finalmente, faleceu por mor das feridas.

O ataque tivo lugar na Delegación Miguel Hidalgo, cando o empresario se atopaba nun dos seus negocios. A falta de que avance a investigación, están abertas todas as hipóteses, incluída a do intento de roubo.

COÑECIDO NA EMIGRACIÓN

Propietario de varios negocios de hostalaría, hoteis e gasolineiras no país, o empresario era, ademais, cuñado do presidente do Centro Gallego de México.

José González era oriúndo do municipio ourensán do Carballiño e estaba casado cunha veciña de Beariz. Representantes de ambos os municipios expresaron a consternación tras recibir a noticia, dado que o empresario visitaba habitualmente a súa localidade natal e era moi coñecido na zona.

Tamén a área de emigración do PSdeG quixo mostrar, a través de Twitter, a "consternación" do partido pola morte de José González, trasladou o pésame á súa familia e transmitiu o seu apoio á comunidade galega residente en México e en toda Latinoamérica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 La imposición

Para isto serve falar castelán

1 Arturo

En México hai 20.000 ( si, vinte mil ) asesinatos ao ano. Por desgracia, é fácil pensar que non vai a ser o último galego asesinado. E oxalá me equivoque, pero México é un " Estado fallido" no que o Estado xa non controla a situación.