Caballero, rodeado de cargos e alcaldes do seu partido, avanza que o PSdeG seguirá mobilizándose pola sanidade pública

O líder do PSdeG acusa aos populares de trasladar "unha visión irreal do mundo" no que a sanidade "vai mellor" e as esperas "baixan"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2018 | Actualizada ás 13:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG acusa aos populares de trasladar "unha visión irreal do mundo" no que a sanidade "vai mellor" e as esperas "baixan"

Cargos del PSdeG, junto a Gonzalo Caballero, en el Parlamento
Cargos del PSdeG, junto a Gonzalo Caballero, en el Parlamento | Fonte: Europa Press

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 (EUROPA PRESS)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, rodeado de cargos orgánicos e alcaldes do seu partido, advertiu este martes, coincidindo coa aprobación no Parlamento da reforma lexislativa que reduce a sete as áreas sanitarias galegas, que o seu partido continuará cunha "campaña intensa de mobilización e apoio" á sanidade pública.

"Imos manter mes a mes e día a día todo o que queda desta lexislatura porque non podemos permitir a privatización, a precariedade e a deterioración da sanidade pública que aplican Feijóo e o PPdeG", sentenciou, en declaracións aos medios, tras facerse unha foto de familia ás portas do hemiciclo con cargos do seu partido que se desprazaron a Santiago para seguir o debate da reforma sanitaria, aprobada en solitario polos populares.

Entre os cargos que seguiron o debate desde a tribuna de invitados, que se encheu, estaban o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense) e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, ademais doutros rexedores especialmente vinculados aos hospitais comarcais.

Nesta conxuntura, Caballero acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao PPdeG de "dar as costas á cidadanía galega" ao "esquecer" a "prioridade" da sanidade pública e tentar trasladar "unha visión irreal do mundo" no que esta "vai mellor" e as "listas de espera baixan".

Ao seu xuízo, os populares "viven no seu propio mundo" nunha "Galicia preocupada pola situación da sanidade". En fronte, situou aos socialistas, que rexeitan a "deterioración" que provoca "a política conservadora" do PPdeG "por razóns ideolóxicas e de prioridade".

"FEIJÓO NON ESTIVO NO DEBATE"

Caballero tamén remarcou que "chama a atención" que Feijóo, quen acompañou este martes ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, no acto de colocación de primeira pedra dunhas obras da autovía A-54 entre Lugo e Santiago, "non estivese" no debate e posterior votación que derivou na aprobación dunha lei deste calado.

Ante esa ausencia e a evidencia de que, para os populares, a "deterioración" da sanidade pública que "leva a miles de galegos á rúa" non é "unha prioridade", ratificou que os socialistas continuarán a súa campaña de "mobilización" e "apoio" en defensa da sanidade pública.

"ENTERRAR A ÁREA DA MARIÑA"

"Enterraron a área sanitaria da Mariña", lamentou, pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, a tamén socialista María Loureiro, antes de reprobar que o Executivo autonómico "desatendese" as mobilizacións contra a reforma sanitaria.

De feito, lembrou que, este mesmo martes, "un grupo de xente importante" manifestouse ás portas do Pazo do Hórreo volveu protestar para reclamar que se retirase o proxecto de lei sen éxito. "Desgraciadamente, acaban de enterrar a nosa área", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta