Temas: CARBALLO

GC colabora nunha nova edición do certame de artigos xornalísticos en galego do Concello de Carballo

Trátase da edición número XIV nuns premios que teñen coma obxectivo incentivar a reflexión sobre a situación do galego e crear espazos nos medios para fomentar o uso e prestixio do noso maior ben colectivo, a lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Carballo | 20/03/2018 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación, entre eles Galicia Confidencial, convoca a décimo cuarta edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Trátase dun certame que ten por obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.

Sechu Sende, colaborador do GC, e un dos premiados en edicións anteriores
Sechu Sende, colaborador do GC, e un dos premiados en edicións anteriores

Calquera persoa que queira e teña algo que dicir con respecto á lingua pode presentarse a este certame. Para iso debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 20 de abril de 2018. Nese artigo pode falar sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, que é de 1.250 euros, ademais da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores coa iniciativa: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures, Borxa González Tenreiro ou a médica Iria Veiga, na última edición. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.

As bases completas poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo. Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico nelvidal@carballo.gal.

Temas: CARBALLO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta